123
O trigo e o xoio
Traceivos, coa doutrina de Cristo, non coas miñas ideas, un camiño ideal de cristián. Estaredes de acordo en que é alto, sublime, atractivo. Mais quizais alguén se pregunte: é posible vivir así na sociedade de hoxe?
Certamente, o Señor chamounos en momentos, en que se fala moito de paz e non hai paz: nin nas almas, nin nas institucións, nin na vida social, nin entre os pobos. Fálase continuamente de igualdade e de democracia e abondan as castas: pechadas, impenetrables. Chamounos nun tempo en que se clama pola comprensión, e a comprensión brilla pola súa ausencia, incluso entre persoas que obran de boa fe e queren practicar a caridade, porque —non o esquezades— a caridade, máis que en dar, está en comprender.
Atravesamos unha época en que os fanáticos e os intransixentes —incapaces de admitir razóns alleas— cúranse en saúde, tachando de violentos e agresivos aos que son as súas vítimas. Chamounos, en fin, cando se escoita falar moito de unidade, e quizais sexa difícil concibir que se poida tolerar maior desunión entre os mesmos católicos, non xa entre os homes en xeral.
Eu non fago xamais consideracións políticas, porque non é ese o meu oficio. Para describir sacerdotalmente a situación actual do mundo, abóndame pensar de novo nunha parábola do Señor: a do trigo e o xoio. O reino dos ceos é semellante a un home que sementou boa semente na súa leira, pero, cando os xornaleiros estaban a durmir, veu certo inimigo seu, e esparexeu xoio polo medio do trigo, e foise39. Está claro. A leira é fértil e a semente boa; o Señor da leira lanzou ao chou a semente no momento propicio e cunha arte consumada; ademais, organizou unha vixilancia para protexer a sementeira recente. Se despois aparece o xoio, é porque non houbo correspondencia, porque os homes —os cristiáns especialmente— se durmiron, e permitiron que o inimigo se achegase.
Cando os servidores irresponsables preguntan ao Señor porque medrou o xoio na súa leira, a explicación salta aos ollos: inimicus homo hoc fecit40, foi o inimigo! Nós, os cristiáns que debiamos estar vixilantes, para que as cousas boas postas polo Creador no mundo se desenvolvesen ao servizo da verdade e do ben, durmímonos —triste preguiza, ese sono!—, mentres o inimigo e todos os que lle serven movíanse a reo. Xa vedes como medrou o xoio: que sementeira tan abundante e en todas partes!
Non teño vocación de profeta de desgrazas. Non desexo coas miñas palabras presentarvos un panorama desolador, sen esperanza. Non pretendo queixarme destes tempos, nos que vivimos por providencia do Señor. Amamos esta época nosa, porque é o ámbito no que temos que acadar a nosa persoal santificación. Non admitimos nostalxias inxenuas e estériles: o mundo non estivo nunca mellor. Desde sempre, desde o berce da Igrexa, cando aínda se escoitaba a predicación dos primeiros doce, xurdiron xa violentas persecucións, comezaron as herexías, propalouse a mentira e desencadeouse o odio.
Mais tampouco parece lóxico negar que parece que o mal prosperou. Dentro de toda esta leira de Deus, que é a terra, que é herdade de Cristo, agromou xoio: non só xoio, abundancia de xoio! Non nos podemos deixar enganar polo mito do progreso perenne e irreversible. O progreso rectamente ordenado é bo, e Deus quéreo. Pero pondérase máis esoutro falso progreso, que cega os ollos a tanta xente, porque con frecuencia non percibe que a humanidade, nalgúns dos seus pasos, volve para atrás e perde o que antes conquistara.
O Señor —repito— deunos o mundo por herdade. E temos que ter a alma e a intelixencia espertas; temos que ser rea-listas, sen derrotismos. Só unha conciencia cauterizada, só a insensibilidade producida pola rutina, só a frívola loucura poden permitir que se contemple o mundo sen ver o mal, a ofensa a Deus, o dano en ocasións irreparable para as almas. Temos que ser optimistas, pero cun optimismo que nace da fe no poder de Deus —Deus non perde batallas—, cun optimismo que non procede da satisfacción humana, dunha compracencia necia e presuntuosa.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/123/ (14-12-2025)