124

Sementeira de paz e de ledicia

Que facer? Dicíavos que non procurei describir crises sociais ou políticas, afundimentos ou enfermidades culturais. Co enfoque da fe cristiá, véñome referindo ao mal no sentido preciso de ofensa a Deus. O apostolado cristián non é un programa político, nin unha alternativa cultural: supón a difusión do ben, o contaxio do desexo de amar, unha sementeira concreta de paz e de ledicia. Sen dúbida, dese apostolado derivaranse beneficios espirituais para todos: máis xustiza, máis comprensión, máis respecto do home polo home.

Hai moitas almas ao noso redor, e non temos dereito a ser atranco para o seu ben eterno. Estamos obrigados a ser plenamente cristiáns, a ser santos, a non defraudar a Deus, nin a todas esas xentes que esperan do cristián o exemplo, a doutrina.

O noso apostolado ten que se basear na comprensión. Insisto outra vez: a caridade, máis que en dar, está en comprender. Non vos agocho que eu aprendín, na miña propia carne, o que custa o non ser comprendido. Esforceime sempre en facerme comprender, pero hainos que se empeñaron en non me entender. Outra razón, práctica e viva, para que eu desexe comprender a todos. Pero non é un impulso circunstancial o que me obrigou a ter ese corazón amplo, universal, católico. O  espírito de comprensión é mostra da caridade cristiá do bo  fillo de Deus: porque o Señor nos quere por todos os ca-miños rectos da terra, para estender a semente da fraternidade —non a do xoio—, da desculpa, do perdón, da caridade, da paz. Non vos sintades nunca inimigos de ninguén.

O cristián hase mostrar sempre disposto a convivir con todos, a dar a todos —co seu trato— a posibilidade de achegarse a Cristo Xesús. Ten que se sacrificar gustosamente por todos, sen distincións, sen dividir ás almas en departamentos estancos, sen lles pór etiquetas coma se fosen mercadorías ou insectos desecados. O cristián non se pode separar dos demais, porque a súa vida sería miserenta e egoísta: débese facer todo para todos, para salvalos a todos41.

Se vivísemos así, se soubésemos impregnar a nosa conduta con esta sementeira de xenerosidade, con este desexo de convivencia, de paz! Dese xeito fomentaríase a lexítima independencia persoal dos homes; cada quen asumiría a súa responsabilidade, polos quefaceres que lle competen nos labores temporais. O cristián sabería defender antes que nada a liberdade allea, para poder defender despois a propia. Tería a caridade de aceptar os outros como son —porque cada un, sen excepción, arrastra miserias e comete erros— axudándoos coa graza de Deus e con delicadeza humana a superar o mal, a arrincar o xoio, a fin de que todos nos podamos soster mutuamente e levar con dignidade a nosa condición de homes e de cristiáns.

Notas
41

1 Cor IX, 22.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma