126

A festa da Ascensión do Señor suxírenos tamén outra realidade; Cristo que nos anima a esta tarefa no mundo, espéranos no Ceo. Noutras palabras: a vida na terra, que amamos, non é o definitivo; pois non temos aquí cidade permanente, senón que andamos á busca da futura42 cidade inmutable.

Coidemos, non obstante, de non interpretar a Palabra de Deus nos límites de estreitos horizontes. O Señor non nos impulsa a ser infelices mentres camiñamos, esperando só a conso-lación no máis alá. Deus quérenos felices tamén aquí, pero anhelando o cumprimento definitivo desoutra felicidade, que só El pode encher por enteiro.

Nesta terra, a contemplación das realidades sobrenaturais, a acción da graza nas nosas almas, o amor ao próximo como froito saboroso do amor a Deus, supoñen xa un anticipo do Ceo, unha incoación destinada a medrar día a día. Os cristiáns non soportamos unha dobre vida. Mantemos unha unidade de vida, sinxela e forte na que se funden e compenetran todas as nosas accións.

Cristo espéranos. Vivamos xa como cidadáns do ceo43, sendo plenamente cidadáns da terra, no medio de dificultades, de inxustizas, de incomprensións, pero tamén en medio da ledicia e da serenidade que dá o saberse fillo amado de Deus. Perseveremos no servizo do noso Deus, e veremos como aumenta en número e en santidade este exército cristián de paz, este pobo de corredención. Sexamos almas contemplativas, con diálogo constante, tratando ao Señor a todas horas, desde o primeiro pensamento do día ata o derradeiro da noite, poñendo decote o noso corazón en Xesucristo Noso Señor, chegando a El pola Nosa Nai Santa María e, por El, ao Pai e ao Espírito Santo.

Se, a pesar de todo, a subida de Xesús aos ceos nos deixa na alma un amargo recendo de tristeza, acudamos á súa Nai, como fixeron os Apóstolos: entón tornaron a Xerusalén... e oraban unanimemente... con María, a Nai de Xesús44.

Notas
42

Heb XIII, 14.

43

Phil III, 20.

44

Act I, 12-14.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma