127

Os Feitos dos Apóstolos, ao narrarnos os acontecementos daquel día de Pentecoste no que o Espírito Santo descendeu en forma de linguas de lume sobre os discípulos do Noso Señor, fannos asistir á grande manifestación do poder de Deus, co que  a Igrexa iniciou o seu camiño entre as nacións. A vitoria que Cristo —coa súa obediencia, coa súa inmolación na Cruz e coa súa Resurrección— obtivera sobre a morte e sobre o pecado, revelouse daquela en toda a súa divina claridade.

Os discípulos que xa eran testemuñas da gloria do Resucitado, experimentaron en si a forza do Espírito Santo: as súas intelixencias e os seus corazóns abríronse a unha nova luz. Seguiran a Cristo e acolleran con fe as súas ensinanzas, pero non acertaban sempre a penetrar de todo o seu sentido: era necesario que chegase o Espírito de verdade, que lles fixese comprender todas as cousas1. Sabían que só en Xesús podían atopar palabras de vida eterna, e estaban dispostos a seguilo e a dar a vida por El, mais eran febles e, cando chegou a hora da proba, fuxiron, deixárono só. O día de Pentecoste todo iso pasou: o Espírito Santo, que é espírito de fortaleza, fíxoos firmes, seguros, audaces. A palabra dos Apóstolos resoa rexa e vibrante polas rúas e prazas de Xerusalén.

Os homes e as mulleres que, chegados das máis diversas rexións, enchen naqueles días a cidade, escoitan abraiados. Partos, medos e elamitas, os moradores de Mesopotamia, de Xudea e de Capadocia, do Ponto e de Asia, os de Frixia, de Panfilia e de Exipto, os de Libia, confinante con Cirene, e os que viñeron de Roma, tanto xudeus coma prosélitos, os cretenses e os árabes, oímos falar as marabillas de Deus nas nosas propias linguas2. Estes prodixios, que se obran diante dos seus ollos, lévanlles a prestar atención á predicación apostólica. O mesmo Espírito Santo, que actuaba nos discípulos do Señor, tocou tamén os seus corazóns e conduciunos cara á fe.

Cóntanos san Lucas que, despois de falar san Pedro proclamando a Resurrección de Cristo, moitos dos que o arrodea-ban se achegaron preguntando: que é o que debemos facer, irmáns? O Apóstolo respondeulles: Facede penitencia e sexa bautizado cada un de vós no nome de Xesucristo para remisión dos vosos pecados, e recibiredes o don do Espírito Santo. Aquel día incorporáronse á Igrexa, remata dicíndonos o texto sagrado, preto de tres mil persoas3.

A vinda solemne do Espírito no día de Pentecoste non foi un suceso illado. Apenas hai unha páxina dos Feitos dos Apósto-los na que non se nos fale del e da acción pola que guía, dirixe  e anima a vida e as obras da primitiva comunidade cristiá: El é quen inspira a predicación de san Pedro4, quen confirma na súa fe os discípulos5, quen sela coa súa presenza a chamada dirixida aos xentís6, quen envía a Saulo e a Bernabé cara terras afastadas para abrir novos camiños á ensinanza de Xesús7. Nunha palabra, a súa presenza e a súa actuación domínano todo.

Notas
1

Cfr. Ioh XVI, 12-13.

2

Act II, 9-11.

3

Cfr. Act II, 37-41.

4

Cfr. Act IV, 8.

5

Cfr. Act IV, 31.

6

Cfr. Act X, 44-47.

7

Cfr. Act XIII, 2-4.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma