128

Actualidade de Pentecoste

Esa realidade profunda que nos dá a coñecer o texto da Es-critura Santa, non é un recordo do pasado, unha idade de ouro da Igrexa que quedou atrás na historia. É, por riba das mise-rias e dos pecados de cada un de nós, a realidade tamén da Igrexa de hoxe e da Igrexa de todos os tempos. Eu rogarei ao Pai —anunciou o Señor aos seus discípulos— e daravos outro Consolador para que estea convosco eternamente8. Xesús mantivo as súas promesas. Resucitou, subiu aos ceos e, en unión co Eterno Pai, envíanos o Espírito Santo para que nos santifique e nos dea a vida.

A forza do poder de Deus aluma a face da terra. O Espírito Santo continúa asistindo á Igrexa de Cristo, para que sexa –sempre e en todo– signo levantado ante as nacións, que anuncia á humanidade a benevolencia e o amor de Deus9. Por grandes que sexan as nosas limitacións, os homes podemos mirar con confianza para os ceos e sentirnos cheos de alegría: Deus ámanos e líbranos dos nosos pecados. A presenza e a acción do Espírito Santo na Igrexa son a prenda e a anticipación da felicidade eterna, desa ledicia e desa paz que Deus nos depara.

Tamén nós, coma aqueles primeiros que se achegaron a san Pedro no día de Pentecoste, fomos bautizados. No bautismo, o Noso Pai Deus tomou posesión das nosas vidas, incorporounos á de Cristo e enviounos o Espírito Santo. O Señor, di a Escritura Santa, salvounos facéndonos renacer polo bautismo, renovándonos polo Espírito Santo, que El espallou copiosamente sobre nós por Xesucristo o noso Salvador, para que, xustificados pola graza, veñamos ser herdeiros da vida eterna conforme a esperanza que temos10.

A experiencia da nosa debilidade e dos nosos fallos, o mal exemplo que pode producir o espectáculo doloroso da pequenez e incluso da mesquindade dalgúns que se chaman cristiáns, o aparente fracaso ou a desorientación dalgunhas empresas apostólicas, todo iso —o comprobar a realidade do pecado e das limitacións humanas— pode non obstante constituír unha proba para a nosa fe, e facer que se insinúen a tentación e a dúbida: u-la forza e o poder de Deus? É o momento de reaccio-nar, de practicar de maneira máis pura e máis rexa a nosa esperanza e, polo tanto, de procurar que sexa máis firme a nosa fidelidade.

Notas
8

Ioh XIV, 16.

9

Cfr. Is XI, 12.

10

Tit III, 5-7.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma