129

Permitídeme narrar un suceso da miña vida persoal, ocorrido hai xa moitos anos. Un día un amigo de bo corazón, pero que non tiña fe, díxome, ao tempo que sinalaba un mapamundi: «mire de norte a sur, e de leste a oeste». Que quere que mire?, pregunteille. A súa resposta foi: «o fracaso de Cristo. Tantos séculos, procurando meter na vida dos homes a súa doutrina, e vexa os resultados». Enchinme, nun primeiro momento de tristeza: é unha dor grande, en efecto, considerar que son moitos os que aínda non coñecen o Señor e que, entre os que o coñecen, son moitos tamén os que viven como se non o coñecesen.

Pero esa sensación durou só un intre, para deixar paso ao amor e ao agradecemento, porque Xesús quixo facer a cada home cooperador libre da súa obra redentora. Non fracasou: a súa doutrina e a súa vida están fecundando continuamente o mundo. A redención, por El realizada, é suficiente e abondosa de seu.

Deus non quere escravos, senón fillos, respecta a nosa liberdade. A salvación continúa e nós participamos nela: é vontade de Cristo que —segundo as palabras fortes de san Paulo— cumpramos na nosa carne, na nosa vida, aquilo que falta a súa paixón, pro Corpore eius, quod est Ecclesia, en beneficio do seu corpo, que é a Igrexa11.

Paga a pena xogar a vida, entregarse por enteiro, para corresponder ao amor e á confianza que Deus deposita en nós. Vale a pena, ante todo, que nos decidamos a tomar en serio a nosa fe cristiá. Ao recitar o Credo, profesamos crer en Deus Pai todopoderoso, no seu Fillo Xesucristo que morreu e foi resucitado, no Espírito Santo, Señor e dador de vida. Confesamos que a Igrexa, unha, santa, católica e apostólica, é o corpo de Cristo, animado polo Espírito Santo. Alegrámonos ante a remisión dos pecados, e ante a esperanza da resurrección futura. Pero, esas verdades penetran ata o fondo do corazón ou quizais se quedan nos beizos? A mensaxe divina de vitoria, de ledicia e de paz de Pentecoste debe ser o fundamento inquebrantable no modo de pensar, de reaccionar e de vivir de todo cristián.

Notas
11

Col I, 24.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma