130
Forza de Deus e debilidade humana
Non est abbreviata manus Domini, non se fixo máis curta a man de Deus12: non é menos poderoso Deus hoxe que noutras épocas, nin menos verdadeiro o seu amor polos homes. A nosa fe apréndenos que a creación enteira, o movemento da terra e dos astros, as accións rectas das criaturas e canto hai de positivo no sucederse da historia, todo, nunha palabra, veu de Deus e a Deus se ordena.
A acción do Espírito Santo pódenos pasar inadvertida, porque Deus non nos dá a coñecer os seus plans e porque o pecado do home enturba e escurece os dons divinos. Mais a fe recórdanos que o Señor obra constantemente: é El quen nos creou e nos mantén no ser; quen, coa súa graza, conduce á creación enteira cara á liberdade da gloria dos fillos de Deus13.
Por iso, a tradición cristiá resumiu a actitude que debemos adoptar ante o Espírito Santo nun só concepto: docilidade. Ser sensibles ao que o Espírito divino promove ao noso arredor e en nós mesmos: aos carismas que distribúe, aos movementos e institucións que suscita, aos afectos e decisións que fai nacer no noso corazón. O Espírito Santo realiza no mundo as obras de Deus. É —como di o himno litúrxico— dador das grazas, luz dos corazóns, hóspede da alma, descanso no traballo, consolo na dor. Sen a súa axuda non hai no home nada que sexa inocente e valioso, pois é El quen lava o manchado, quen cura o enfermo, quen acende o que esta frío, quen endereita o extraviado, quen conduce os homes cara ao porto da salvación e do gozo eterno14.
Mais esta fe nosa no Espírito Santo ha ser plena e completa: non é unha crenza vaga na súa presenza no mundo, é unha aceptación agradecida dos signos e realidades aos que, dunha maneira especial, quixo vincular a súa forza. Cando veña o Espírito de verdade —anunciou Xesucristo—, glorificarame porque recibirá do meu, e anunciarávolo15. O Espírito Santo é o Espírito enviado por Cristo, para obrar en nós a santificación que El nos mereceu na terra.
Non pode por iso haber fe no Espírito Santo, se non hai fe en Cristo, na doutrina de Cristo, nos sacramentos de Cristo, na Igrexa de Cristo. Non é coherente coa fe cristiá, non cre verdadeiramente no Espírito Santo quen non ama á Igrexa, quen non ten confianza nela, quen se comprace só en sinalar as deficiencias e as limitacións dos que a representan, quen a xulga desde fóra e é incapaz de sentirse fillo seu. Venme á mente considerar ata que punto será extraordinariamente importante e abondosísima a acción do Divino Paráclito, mentres o sacerdote renova o sacrificio do Calvario, ao celebrar a Santa Misa nos nosos altares.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/130/ (14-12-2025)