131

Os cristiáns levamos os grandes tesouros da graza en vasos de barro16; Deus confiou os seus dons á fráxil e débil liberdade humana e, aínda que a forza do Señor certamente nos asiste, a nosa concupiscencia, a nosa comodidade e o noso orgullo rexéitana ás veces e lévannos a caer en pecado. En moitas ocasións, desde hai máis dun cuarto de século, ao recitar o Credo e afirmar a miña fe na divindade da Igrexa unha, santa, católica e apostólica, engado, a pesar dos pesares. Cando comentei este costume meu e alguén me pregunta a que me quero referir, respondo: aos teus pecados e mais aos meus.

Todo iso é certo, pero non autoriza en modo ningún a xulgar á Igrexa de maneira humana, sen fe teologal, fixándonos unicamente na maior ou menor calidade de determinados eclesiásticos ou de certos cristiáns. Proceder así, é quedar na superficie. O máis importante na Igrexa non é ver como respondemos os homes, senón ver o que fai Deus. A Igrexa é iso: Cristo presente entre nós; Deus que vén cara a humanidade para salvala, chamándonos coa súa revelación, santificándonos coa súa graza, sosténdonos coa súa axuda constante, nos pequenos e nos grandes combates da vida diaria.

Podemos chegar a desconfiar dos homes, e cada un está obrigado a desconfiar persoalmente de si mesmo e a coroar as súas xornadas cun mea culpa, cun acto de contrición fondo e sincero. Pero non temos dereito a dubidar de Deus. E dubidar da Igrexa, da súa orixe divina, da eficacia salvadora da súa predicación e dos seus sacramentos, é dubidar de Deus mesmo, é non crer plenamente na realidade da vinda do Espírito Santo.

Antes de que Cristo fose crucificado —escribe san Xoán Crisóstomo— non había ningunha reconciliación. E, mentres non houbo reconciliación, non foi enviado o Espírito Santo... A ausencia do Espírito Santo era signo da ira divina. Agora que o ves enviado en plenitude, non dubides da reconciliación. Pero se preguntasen: onde está agora o Espírito Santo? Podíase falar da súa presenza cando ocorrían milagres, cando eran resucitados os mortos e curados os gafos. Como saber agora que está de veras presente? Non vos preocupedes. Demostrareivos que o Espírito Santo está tamén agora entre nós...

Se non existise o Espírito Santo non poderiamos dicir: Señor, Xesús, pois ninguén pode invocar a Xesús como Señor, se non é no Espírito Santo (I Cor XII, 3). Se non existise o Espírito Santo, non poderiamos orar con confianza. Ao rezar, en efecto, dicimos: Noso Pai que estás nos ceos (Mt VI, 9). Se non existise o Espírito Santo non poderiamos chamar Pai a Deus. Como sabemos iso? Porque o apóstolo nolo ensina: E, por ser fillos, enviou Deus aos nosos corazóns o Espírito do seu Fillo, que clama: Abba, Pai (Gál IV, 6).

Cando invoques, pois, a Deus Pai, lémbrate de que foi o Espírito Santo o que, ao mover a túa alma, che deu esa oración. Se non existise o Espírito Santo, non habería na Igrexa palabra ningunha de sabedoría ou de ciencia, porque está escrito: é dada polo Espírito a palabra de sabedoría (I Cor XII, 8)... Se o Espírito Santo non estivese presente, a Igrexa non existiría. Pero, se a Igrexa existe, abofé que o Espírito Santo non falta17.

Por riba das deficiencias e limitacións humanas, insisto, a Igrexa é iso: o signo e en certo modo —non no sentido estrito no que se definiu dogmaticamente a esencia dos sete sacramentos da Nova Alianza— o sacramento universal da presenza de Deus no mundo. Ser cristián é ser rexenerado por Deus e enviado aos homes, para anunciarlles a salvación. Se tivésemos fe rexa e vivida, e désemos a coñecer audazmente a Cristo, veriamos que perante os nosos ollos se realizan milagres como os da época apostólica.

Porque agora tamén se lles devolve a vista aos cegos, que perderan a capacidade de mirar ao ceo e de contemplar as marabillas de Deus; dáselles a liberdade aos coxos e aos tolleitos, que se encontraban atados polos seus apaixonamentos e cuxos corazóns xa non sabían amar; faise oír os xordos, que non desexaban saber de Deus; lógrase que falen os mudos, que tiñan atenazada a lingua porque non querían confesar as súas derrotas; resucítase a mortos, nos que o pecado destruíra a vida. Comprobamos unha vez máis que a palabra de Deus é viva e eficaz, e máis penetrante que calquera espada de dous fíos18 e, o mesmo que os primeiros fieis cristiáns, alegrámonos ao admirar a forza do Espírito Santo e a súa acción na intelixencia e na vontade das súas criaturas.

Notas
16

Cfr. 2 Cor IV, 7.

17

San Xoán Crisóstomo, Sermones panegyrici in solemnitates D. N. Iesu Christi, hom. 1, De Sancta Pentecoste, n. 3-4 (PG 50, 457).

18

Heb IV, 12.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma