132

Dar a coñecer a Cristo

Vexo todas as incidencias da vida —as de cada existencia individual e, dalgún xeito, as das grandes encrucilladas da historia— como outras tantas chamadas que Deus lles dirixe aos homes, para que se enfronten coa verdade; e como ocasións que se nos ofrecen aos cristiáns, para anunciar coas nosas obras e coas nosas palabras axudados pola graza, o Espírito ao que pertencemos19.

Cada xeración de cristiáns ten que redimir, ten que santificar o seu propio tempo: para iso, necesita comprender e compartir as ansias dos outros homes, os seus iguais, a fin de dar-lles a coñecer, con don de linguas como deben corresponder á acción do Espírito Santo, á efusión permanente das riquezas do Corazón divino. A nós, os cristiáns, correspóndenos anunciar nestes días, a ese mundo, do que somos e no que vivimos, a mensaxe antiga e nova do Evanxeo.

Non é verdade que toda a xente de hoxe —así, en xeral e en bloque— estea pechada, ou permaneza indiferente, ao que a fe cristiá ensina sobre o destino e o ser do home, non é certo que os homes destes tempos se ocupen só das cousas da terra e non lles interese mirar ao ceo. Aínda que non faltan ideoloxías —e persoas que as sustentan— que están pechadas, hai na nosa época arelas grandes e actitudes rastreiras, heroísmos e covardías, ilusións e desenganos; criaturas que soñan cun mundo novo máis xusto e máis humano, e outras que, quizais decepcionadas ante o fracaso dos primitivos ideais, se refuxian no egoísmo de buscar só a propia tranquilidade, ou de permanecer inmersas no error.

A todos eses homes e todas esas mulleres, estean onde estean, nos seus momentos de exaltación ou nas súas crises e derrotas, témoslle que facer chegar o anuncio solemne e tallante de san Pedro, durante os días que seguiron a Pentecoste: Xesús é a pedra angular, o Redentor, o todo da nosa vida, porque fóra del non se lle deu aos homes outro nome baixo o ceo, polo que poidamos ser salvos20.

Notas
19

Cfr. Lc IX, 55.

20

Act IV, 12.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma