133
133Entre os dons do Espírito Santo, diría que hai un do que temos especial necesidade todos os cristiáns: o don de sabedoría que, ao facernos coñecer a Deus e gustar de Deus, colócanos en condicións de poder xulgar con verdade sobre as situacións e as cousas desta vida. Se fósemos consecuentes coa nosa fe, ao mirar ao noso redor e contemplar o espectáculo da historia e do mundo, non poderiamos menos de sentir que se elevan no noso corazón os mesmos sentimentos que animaron o de Xesucristo: ao ver aquelas multitudes compadecíase delas, porque estaban maltreitas e abatidas, como ovellas sen pastor21.
Non é que o cristián non advirta todo o bo que hai na humanidade, que non aprecie as limpas alegrías, que non participe dos afáns e ideais terreos. Pola contra, sente todo iso desde o máis recóndito da súa alma, e compárteo e víveo con especial fondura, xa que coñece mellor ca home algún as profundidades do espírito humano.
A fe cristiá non achica o ánimo, nin recorta os impulsos nobres da alma, posto que os agranda, ao revelar o seu verdadeiro e máis auténtico sentido: non estamos destinados a unha felicidade calquera, porque fomos chamados a penetrar na intimidade divina, a coñecer e amar a Deus Pai, a Deus Fillo e a Deus Espírito Santo e, na Trindade e na Unidade de Deus, a todos os anxos e a todos os homes.
Esa é a grande ousadía da fe cristiá: proclamar o valor e a dignidade da humana natureza, e afirmar que, mediante a gra-za que nos eleva á orde sobrenatural, fomos creados para acadar a dignidade de fillos de Deus. Ousadía realmente incrible, se non estivese baseada no decreto salvador de Deus Pai, e non fora confirmada polo sangue de Cristo e reafirmada e feita posible pola acción constante do Espírito Santo.
Temos que vivir de fe, de crecer na fe, ata que se poida dicir de cada un de nós, de cada cristián, o que escribía hai séculos un dos grandes Doutores da Igrexa oriental: da mesma maneira que os corpos transparentes e nidios, ao recibir os raios de luz, vólvense resplandecentes e irradian brillo, as almas que son levadas e ilustradas polo Espírito Santo vólvense tamén elas espirituais e levan ás demais a luz da graza. Do Espírito Santo provén o coñecemento das cousas futuras, a intelixencia dos misterios, a comprensión das verdades agochadas, a distribución dos dons, a cidadanía celeste, a conversación cos anxos. Del, a ledicia que nunca remata, a perseveranza en Deus, a semellanza con Deus e, o máis sublime que pode ser pensado, o facerse Deus22.
A conciencia da magnitude da dignidade humana —de modo eminente, inefable, ao ser constituídos pola graza en fillos de Deus— xunto coa humildade forma no cristián unha soa cousa, xa que non son as nosas forzas as que nos salvan e nos dan a vida, senón o favor divino. É esta unha verdade que non se pode esquecer nunca, porque entón o endeusamento se pervertería e se convertería en presunción, en soberbia e, máis cedo ou máis tarde, en derrubamento espiritual ante a experiencia da propia fraqueza e miseria.
Atrevereime a dicir que son santo? —preguntábase santo Agostiño—. Se dixese santo en canto santificador e non necesitado de ninguén que me santifique, sería soberbio e mentireiro. Pero se entendemos por santo o santificado, segundo aquilo que se le no Levítico: sede santos, porque eu, Deus, son santo; entón tamén o corpo de Cristo, ata o último home situado nos confíns da terra e, coa súa Cabeza e baixo a súa Cabeza, diga audazmente: son santo23.
Amade á Terceira Persoa da Trindade Beatísima: escoitade na intimidade do voso ser as mocións divinas —eses azos, eses reproches—, camiñade pola terra dentro da luz espallada na vosa alma: e o Deus da esperanza encheranos de toda sorte de paz, para que esa esperanza medre en nós sempre máis e máis, pola virtude do Espírito Santo24.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/133/ (14-12-2025)