134
Tratar o Espírito Santo
Vivir segundo o Espírito Santo é vivir de fe, de esperanza, de caridade; deixar que Deus tome posesión de nós e cambie de raíz os nosos corazóns, para facelos á súa medida. Unha vida cristiá madura, fonda e rexa, é algo que non se improvisa, porque é o froito do crecemento en nós da graza de Deus. Nos Feitos dos Apóstolos, descríbese a situación da primitiva comunidade cristiá cunha frase breve, mais chea de sentido: perseveraban todos nas instrucións dos Apóstolos, na comunicación da fracción do pan e na oración25.
Así foi como viviron aqueles primeiros, e como debemos vivir nós: a meditación da doutrina da fe ata facela propia, o encontro con Cristo na Eucaristía, o diálogo persoal —a oración sen anonimato— cara a cara con Deus, teñen que constituír a substancia última da nosa conduta. Se iso falta, haberá tal vez reflexión erudita, actividade máis ou menos intensa, devocións e prácticas. Pero non haberá auténtica existencia cristiá, porque faltará a compenetración con Cristo, a participación real e vivida na obra divina da salvación.
É doutrina que se aplica a calquera cristián, porque todos estamos igualmente chamados á santidade. Non hai cristiáns de segunda categoría, obrigados a pór en práctica unha versión rebaixada do Evanxeo: todos recibimos o mesmo Bautismo e, se ben existe unha ampla diversidade de carismas e de situacións humanas, é un mesmo o Espírito que distribúe os dons divinos, unha mesma a fe, una mesma a esperanza, unha a caridade26.
Podemos, polo tanto, tomar como dirixida a nós a pregunta que formula o Apóstolo: non sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito Santo mora en vós? 27, e recibila como unha invitación a un trato máis persoal e directo con Deus. Por desgraza o Paráclito é, para algúns cristiáns, o Gran Descoñecido: un nome que se pronuncia, pero que non é Alguén —unha das tres Persoas do único Deus—, con quen se fala e de quen se vive.
Fai falta —pola contra— que o tratemos con asidua sinxeleza e confianza como nos ensina a facelo a Igrexa a través da liturxia. Entón coñeceremos máis o Noso Señor e, ao tempo, darémonos conta máis plena do inmenso don que supón chamarse cristiáns: advertiremos toda a grandeza e toda a verdade dese endeusamento, desa participación na vida divina, á que xa antes me refería.
Porque o Espírito Santo non é un artista que debuxa en nós a divina substancia, coma se El fose alleo a ela, non é dese xeito como nos conduce á semellanza divina; senón que El mesmo, que é Deus e de Deus procede, imprímese nos corazóns que o reciben como o selo sobre a cera e, dese xeito, pola comunicación de si e a semellanza, restablece a natureza segundo a beleza do modelo divino e restitúe ao home a imaxe de Deus28.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/134/ (14-12-2025)