135
Para concretar, aínda que sexa dunha maneira moi xeral, un estilo de vida que nos impulse a tratar o Espírito Santo — e, con El, o Pai e o Fillo— e a ter familiaridade co Paráclito, podémonos fixar en tres realidades fundamentais: docilidade —repito— vida de oración, unión coa Cruz.
Docilidade, en primeiro lugar, porque o Espírito Santo é o que, coas súas inspiracións, vai dando ton sobrenatural aos nosos pensamentos, desexos e obras. El é o que nos empuxa a adherirnos á doutrina de Cristo e a asimilala con profundidade, o que nos dá luz para tomar conciencia da nosa vocación persoal e forza para realizar todo o que Deus espera. Se somos dóciles ao Espírito Santo, a imaxe de Cristo irase formando cada vez máis en nós e iremos así achegándonos cada día máis a Deus Pai. Os que son levados polo Espírito de Deus, eses son fillos de Deus29.
Se nos deixamos guiar por ese principio de vida presente en nós, que é o Espírito Santo, a nosa vitalidade espiritual irá medrando e nos abandonaremos nas mans do noso Pai Deus, coa mesma espontaneidade e confianza coa que un neno se bota nos brazos do seu pai. Se non vos facedes semellantes aos nenos, non entraredes no reino dos ceos, dixo o Señor30. Vello camiño interior de infancia, sempre actual, que non é ser brando, nin falto de sazón humana: é madurez sobrenatural, que nos fai profundar nas marabillas do amor divino, recoñecer a nosa pequenez e identificar plenamente a nosa vontade coa de Deus.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/135/ (14-12-2025)