137
Unión coa Cruz, finalmente, porque na vida de Cristo o Calvario precedeu a Resurrección e a Pentecoste, e ese mesmo proceso débese reproducir na vida de cada cristián. Somos — dinos san Paulo— coherdeiros con Cristo, con tal que padezamos con El, a fin de que sexamos con El glorificados34. O Espírito Santo é froito da Cruz, da entrega total a Deus, de buscar exclusivamente a súa gloria e de renunciar por enteiro a nós mesmos.
Só cando o home, sendo fiel á graza, se decide a colocar no centro da súa alma a Cruz, negándose a si mesmo por amor a Deus, estando realmente desprendido do egoísmo e de toda falsa seguridade humana, é dicir, cando vive verdadeiramente de fe, é entón e só entón cando recibe con plenitude o gran lume, a gran luz, a gran consolación do Espírito Santo.
É entón tamén cando veñen á alma esa paz e esa liberdade que Cristo nos gañou35, que se nos comunica coa graza do Espírito Santo. Os froitos do Espírito son caridade, gozo, paz, paciencia, benignidade, bondade, longanimidade, mansedume, fe, modestia, continencia, castidade36: e onde está o Espírito do Señor, alí hai liberdade37.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/137/ (14-12-2025)