138

138En medio das limitacións inseparables da nosa situación presente, porque o pecado habita aínda dalgún xeito en nós, o cristián percibe con claridade nova toda a riqueza da súa filiación divina, cando se recoñece plenamente libre porque traballa nas cousas do seu Pai, cando a súa ledicia se fai constante porque nada é capaz de destruír a súa esperanza.

É nesta hora, ademais e ao mesmo tempo, cando é capaz de admirar todas as belezas e marabillas da terra, de apreciar toda a riqueza e toda a bondade, de amar con toda a enteireza e toda a pureza para as que está feito o corazón humano. Cando a dor ante o pecado non dexenera nunca nun aceno amargo, desesperado ou estricado, porque a compunción e o coñecemento da humana fraqueza encamíñano a identificarse de novo coas ansias redentoras de Cristo, e a sentir máis fondamente a solidariedade con todos os homes. Cando, en fin, o cristián experimenta en si con seguridade a forza do Espírito Santo, de maneira que as propias caídas non o abaten: porque son unha invitación a recomezar, e a continuar sendo testemuña fiel de Cristo en todas as encrucilladas da terra, malia as miserias persoais, que nestes casos adoitan ser faltas leves, que apenas enturban a alma; e, aínda que fosen graves, acudindo ao Sacramento da Penitencia con compunción, vólvese á paz de Deus e a ser de novo unha boa testemuña das súas misericordias.

Tal é, nun resumo breve, que apenas consegue traducir en pobres palabras humanas a riqueza da fe, a vida do cristián, se é quen de se deixar guiar polo Espírito Santo. Non podo, por iso, rematar doutro xeito que facendo miña a petición, que se contén nun dos cantos litúrxicos da festa de Pentecoste, que é como un eco da oración incesante da Igrexa enteira: Vén Espírito Creador, visita as intelixencias dos teus, enche de graza celeste os corazóns que ti creaches. Na túa escola fai que saibamos do Pai, fainos coñecer tamén ao Fillo, fai en fin que creamos eternamente en Ti, Espírito que procedes do un e do outro38.

Notas
38

Do himno Veni Creator Spiritus, do Oficio do día de Pentecoste.

Este punto noutro idioma