139
Unha mirada ao mundo, unha mirada ao Pobo de Deus1, neste mes de maio que comeza, fainos contemplar o espectácu-lo desta devoción mariana que se manifesta en tantos costumes, antigos e novos, pero vividos cun mesmo espírito de amor.
Dá alegría comprobar que a devoción á Virxe está sempre viva, espertando nas almas cristiás o pulo sobrenatural para obrar como domestici Dei, como membros da familia de Deus2.
Seguramente tamén vós, ao ver estes días tantos cristiáns que expresan de mil formas diversas o seu agarimo á Virxe Santa María, sentídesvos máis dentro da Igrexa, máis irmáns de todos eses irmáns vosos. É coma nunha reunión de familia, cando os fillos máis vellos, que a vida separou, vólvense encontrar á beira da súa nai, con ocasión dalgunha festa. E, se al-gunha vez rifaron entre eles e se trataron mal, aquel día non; aquel día séntense unidos, recoñécense todos no afecto común.
María edifica continuamente a Igrexa, xúntaa, mantena compacta. É difícil ter unha auténtica devoción á Virxe, e non se sentir máis vinculado aos demais membros do Corpo Místico, máis unidos tamén á súa cabeza visible, o Papa. Por iso gústame repetir: omnes cum Petro ad Iesum per Mariam!, todos, con Pedro, a Xesús por María! E, ao recoñecérmonos parte da Igrexa e invitados a sentirnos irmáns na fe, descubrimos con maior fondura a fraternidade que nos une á humanidade enteira: porque a Igrexa foi enviada por Cristo a todas as xentes e a todos os pobos3.
Isto que veño de dicir é algo que temos experimentado todos, xa que non nos faltaron ocasións de comprobar os efectos sobrenaturais dunha sincera devoción á Virxe. Cada un de vós podería contar moitas cousas. E eu tamén. Vén agora á miña memoria unha romaría que fixen no 1935 a unha ermida da Virxe, en terra castelá: a Sonsoles.
Non era unha romaría como se entende habitualmente. Non era ruidosa nin masiva: iamos tres persoas. Respecto e amo outras manifestacións públicas de piedade, pero persoalmente prefiro intentar ofrecerlle a María o mesmo cariño e o mesmo entusiasmo, con visitas persoais, ou en pequenos grupos, con sabor de intimidade.
Naquela romaría de Sonsoles coñecín a orixe desta advocación da Virxe. Un detalle sen moita importancia, pero que é unha manifestación filial da xente daquela terra. A imaxe de Nosa Señora que se venera naquel lugar, estivo agochada durante algún tempo, na época das loitas entre cristiáns e musulmáns en España. Ao cabo dalgúns anos, foi atopada por uns pastores que —segundo conta a tradición—, ao vela comentaron: Que ollos tan fermosos! Son soles!
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/139/ (14-12-2025)