14

Sentido divino do andar terreo de Xesús

Procurei sempre, ao falar diante do Belén, mirar a Cristo Señor noso desta maneira, envolto en cueiros, sobre a palla dunha manxadoira. E cando aínda é Neno e non di nada, velo como Doutor, como Mestre. Necesito consideralo deste xeito: porque debo aprender del. E para aprender del, hai que tratar de coñecer a súa vida: ler o Santo Evanxeo, meditar aquelas escenas que o Novo Testamento nos relata, co fin de penetrar no sentido divino do andar terreo de Xesús.

Porque temos que reproducir, na nosa, a vida de Cristo, coñecendo a Cristo: a poder de ler a Sagrada Escritura e de meditala, a forza de facer oración, como agora, diante do presebe. Hai que entender as leccións que nos dá Xesús xa desde Neno, desde que acaba de nacer, desde que os seus ollos se abriron a esta bendita terra dos homes.

Xesús, crecendo e vivindo como un de nós, revélanos que a existencia humana, o quefacer corrente e ordinario, ten un sentido divino. Por moito que teñamos considerado estas verdades, debemos enchernos sempre de admiración ao pensar nos trinta anos de escuridade, que constitúen a maior parte do paso de Xesús entre os seus irmáns os homes. Anos de sombra, mais para nós claros como a luz do sol. Mellor, resplandor que alumea os nosos días e lles dá unha auténtica proxección, porque somos cristiáns correntes, que levamos unha vida ordinaria, igual á de tantos millóns de persoas nos máis diversos lugares do mundo.

Así viviu Xesús durante seis lustros: era fabri filius6, o fillo do carpinteiro. Despois virán os tres anos de vida pública, co clamor das multitudes. A xente sorpréndese: quen é este?, onde aprendeu tantas cousas? Porque fora a súa, a vida común do pobo da súa terra. Era o faber, filius Mariae7, o carpinteiro, fillo de María. E era Deus, e estaba realizando a redención do xénero humano, e estaba atraendo cara a si todas as cousas8.

Notas
6

Mt XIII, 55.

7

Mc VI, 3.

8

Ioh XII, 33.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma