140

Nai de Cristo, Nai dos cristiáns

Desde aquel ano de 1935, en numerosas e habituais visitas a Santuarios da Nosa Señora, tiven ocasión de reflexionar e meditar sobre esta realidade do agarimo de tantos cristiáns á Nai de Xesús. E pensei sempre que este agarimo é unha correspondencia de amor, unha mostra de agradecemento filial. Porque María está moi unida a esa manifestación máxima do amor de Deus: a Encarnación do Verbo, que se fixo home coma nós e cargou coas nosa miserias e pecados. María, fiel á misión divina para a que foi creada, prodigouse e prodígase continuamente en servizo dos homes, chamados todos a ser irmáns do seu Fillo Xesús. E a Nai de Deus é tamén realmente, agora, a Nai dos homes.

Así é, porque así o quixo o Señor. E o Espírito Santo dispuxo que quedase escrito, para que constase por todas as xeracións: Estaban xunto á Cruz de Xesús, súa Nai e a irmá de súa Nai, María muller de Cleofás, e María Magdalena. Miran-do, pois, Xesús á súa Nai, e ao discípulo que El amaba, que estaba alí, dille a súa Nai: Muller, velaí tes o teu fillo. Despois, dille ao discípulo: Velaí tes a túa nai. E desde aquel punto o discípulo tívoa por Nai 4.

Xoán, o discípulo amado de Xesús, recibe a María, introdúcea no seu fogar, na súa vida. Os autores espirituais viron nestas palabras, que relata o Santo Evanxeo, unha invitación dirixida a todos os cristiáns para que poñamos tamén a María nas nosas vidas. En certo sentido, resulta case superflua esta aclaración. María quere certamente que a invoquemos, que nos aproximemos a Ela con confianza, que apelemos á súa maternidade, pedíndolle que se manifeste como a nosa Nai 5.

Mais é unha nai que non se fai de rogar, que incluso se adianta ás nosas súplicas, porque coñece as nosas necesidades e vén prontamente na nosa axuda, demostrando con obras que se lembra constantemente dos seus fillos. Cada un de nós, ao evocar a súa propia vida e ver como se manifesta nela a misericordia de Deus, pode descubrir mil motivos para sentirse dun xeito moi especial fillo de María.

Notas
4

Ioh XIX, 25-27.

5

Monstra te esse Matrem (Himno litúrxico Ave maris stella).

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma