141

Os textos das Sagradas Escrituras que nos falan de Nosa Señora, fan ver precisamente como a Nai de Xesús acompaña o seu Fillo paso a paso, asociándose á súa misión redentora, alegrándose e sufrindo con El, amando o que Xesús ama, ocupándose con solicitude maternal de todos aqueles que están ao seu carón.

Pensemos, por exemplo, no relato das vodas de Caná. Entre tantos convidados dunha desas ruidosas vodas campesiñas, ás que acoden persoas de varias aldeas, María advirte que falta o viño6. Decátase Ela soa, e de seguida. Que familiares nos resultan as escenas da vida de Cristo! Porque a grandeza de Deus, convive co ordinario, co corrente. É propio dunha muller, du nha ama de casa atenta, advertir un descoido, estar neses detalles miúdos que fan agradable a existencia humana: e así actuou María.

Fixádevos tamén en que é Xoán o que conta a escena de Caná: é o único evanxelista que recolleu este cariz de solicitude materna. San Xoán quérenos lembrar que María estivo presente no comezo da vida pública do Señor. Isto demóstranos que soubo profundar na importancia da presenza da Señora. Xesús sabía a quen confiaba á súa Nai: a un discípulo que a amara, que aprendera a querela como á súa propia nai e era capaz de entendela.

Pensemos agora naqueles días que seguiron á Ascensión, en espera de Pentecoste. Os discípulos cheos de fe polo triunfo de Cristo resucitado e con anhelo ante a promesa do Espírito Santo, quérense sentir unidos, e atopámolos cum Maria mater Iesu, con María, a nai de Xesús7. A oración dos discípulos acompaña a oración de María: era a oración dunha familia unida.

Desta volta quen nos transmite ese dato é san Lucas, o evanxelista que narrou con máis extensión a infancia de Xesús. Semella coma se quixese darnos a entender que, así como María tivo un papel de primeiro plano na Encarnación do Verbo, dunha maneira análoga estivo presente tamén nas orixes da Igrexa, que é o Corpo de Cristo.

Desde o primeiro momento da vida da Igrexa, todos os cristiáns que buscaron o amor de Deus, ese amor que se nos revela e se fai carne en Xesucristo, atopáronse coa Virxe, e experimentaron de moi diversos xeitos a súa maternal solicitude. A Virxe Santísima pódese chamar en verdade nai de todos os cristiáns. Santo Agostiño dicíao con palabras claras: cooperou coasúa caridade para que nacesen na Igrexa os fieis, membros daquela cabeza, da que é efectivamente nai segundo o corpo8.

Non é pois estraño que un dos testemuños máis antigos de devoción a María sexa precisamente unha oración chea de confianza. Refírome a esa antífona que, composta hai séculos, con tinuamos repetindo aínda hoxe en día: Acollémonos baixo a túa protección, Santa Nai de Deus: non despreces as súplicas que te diriximos na nosa necesidade, antes ben sálvanos sempre de todos os perigos, Virxe gloriosa e bendita9.

Notas
6

Cfr. Ioh II, 3.

7

Cfr. Act I, 14.

8

Santo Agostiño, De sancta virginitate, 6 (PL 40, 399).

9

Sub tuum praesidium confugimus, Sancta Dei Genetrix: nostras deprecationes ne despicias in necessitatibus, sed a periculis cunctis libera nos semper, Virgo gloriosa et benedicta.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma