142
Tratar a María
Dun xeito espontáneo, natural, xorde en nós o desexo de tratar á Nai de Deus, que é tamén Nai nosa. De tratala como se trata a unha persoa viva: porque a morte non triunfou sobre Ela, senón que está en corpo e alma xunto a Deus Pai, xunto ao seu Fillo, xunto ao Espírito Santo.
Para comprender o papel que María desempeña na vida cristiá, para sentírmonos atraídos cara a Ela, para buscarmos a súa amable compañía con filial afecto, non fan falta grandes disquisicións, aínda que o misterio da Maternidade divina ten unha riqueza de contido sobre a que nunca reflexionaremos abondo.
A fe católica soubo recoñecer en María un signo privilexiado do amor de Deus: Deus chámanos xa agora os seus amigos, a súa graza obra en nós, rexenéranos do pecado, dános as forzas para que, entre as debilidades propias de quen aínda é po e miseria, poidamos reflectir dalgún modo o rostro de Cristo. Non somos só náufragos aos que Deus prometeu salvar, senón que esa salvación obra xa en nós. O noso trato con Deus non é o dun cego que devece pola luz pero que xeme entre as angustias da escuridade, senón o dun fillo que se sabe amado polo seu Pai.
Desa cordialidade, desa confianza, desa seguridade, fála-nos María. Por iso o seu nome chega tan dereito ao corazón. A relación de cada un de nós coa nosa propia nai, pódenos servir de modelo e de pauta para o noso trato coa Señora do Doce Nome, María. Temos que amar a Deus co mesmo corazón co que queremos aos nosos pais, aos nosos irmáns, aos outros membros da familia, aos nosos amigos ou amigas: non temos outro corazón. E con ese mesmo corazón debemos tratar a María.
Como se comportan un fillo ou unha filla normais coa súa nai? De mil maneiras, pero sempre con cariño e con confianza. Un cariño que decorrerá en cada caso por canles determinadas, nacidas da vida mesma, que non son nunca algo frío, senón costumes entrañables de fogar, pequenos detalles cotiáns, que o fillo necesita ter coa súa nai e que a nai bota en falta se o fillo algunha vez os esquece: un bico ou un aloumiño ao saír ou ao volver á casa, un pequeno agasallo, unhas palabras expresivas.
Na nosa relación coa Nosa Nai do Ceo hai tamén esas normas de piedade filial, que son a canle do noso comportamento habitual con Ela. Moitos cristiáns fan propio o costume antigo do escapulario; ou adquiriron o hábito de saudar —non fai falta a palabra, o pensamento basta— as imaxes de María que hai en todo fogar cristián ou adornan as rúas de tantas cidades; ou viven esa oración marabillosa que é o santo rosario, na que a alma non se cansa de dicir sempre as mesmas cousas, como non se cansan os namorados cando se queren, e no que se aprende a revivir os momentos centrais da vida do Señor; ou acostuman dedicar á Señora un día da semana —precisamente este mesmo no que estamos agora reunidos: o sábado—, ofrecéndolle algunha pequena delicadeza e meditando máis especialmente na súa maternidade.
Hai outras moitas devocións marianas que non é necesario lembrar aquí e agora. Non teñen por que estar incorporadas todas á vida de cada cristián —medrar en vida cristiá é algo moi distinto do simple ir amoreando devocións—, pero ao tempo debo afirmar que non posúe a plenitude da fe quen non vive algunha delas, quen non manifesta dalgún xeito o seu amor a María.
Os que consideran superadas as devocións á Virxe Santísima, dan sinais de que perderon o fondo sentido cristián que agochan, de que esqueceron a fonte da que manan: a fe na vontade salvadora de Deus Pai, o amor a Deus Fillo que se fixo realmente home e naceu dunha muller, a confianza en Deus Espírito Santo que nos santifica coa súa graza. É Deus quen nos deu a María, e non temos dereito a rexeitala, senón que debemos acudir a Ela con amor e con alegría de fillos.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/142/ (14-12-2025)