143
Facerse nenos no Amor a Deus
Consideremos atentamente este punto, porque nos pode axudar a comprender cousas moi importantes, xa que o misterio de María nos fai ver que, para achegármonos a Deus, hai que se facer pequenos. En verdade dígovos —exclamou o Señor dirixíndose aos seus discípulos—, que se non vos volvedes e vos facedes semellantes aos nenos, non entraredes no reino dos ceos10.
Facernos nenos: renunciar á soberbia, á autosuficiencia; recoñecer que por nós non podemos nada, porque necesitamos da graza, do poder do noso Pai Deus para aprender a camiñar e para perseverar no camiño. Ser pequeno esixe abandonarse como se abandonan os nenos, crer como cren os nenos, pedir como piden os nenos.
E todo iso aprendémolo tratando a María. A devoción á Virxe non é algo mol ou pouco rexo: é consolo e xúbilo que enche a alma, precisamente na medida en que supón un exercicio fondo e enteiro de fe, que nos fai saír de nós mesmos e poñer a nosa esperanza no Señor. É Iavé o meu pastor —canta un dos salmos—, de nada carecerei. Faime descansar en frondosos prados, condúceme á beira de augas saborosas; devólveme a vida, e guíame por camiños rectos, en virtude do seu nome. Aínda que ande por vales tenebrosos, ningún mal temerei, porque ti estás comigo11.
Porque María é Nai, a súa devoción ensínanos a ser fillos: a querer de verdade, sen medida; a ser sinxelos, sen esas complicacións que nacen do egoísmo de pensar só en nós; a estar alegres, sabendo que nada pode destruír a nosa esperanza. O comezo do camiño que leva á loucura do amor de Deus é un confiado amor a María Santísima. Así o escribín xa hai moitos anos, no limiar a uns comentarios ao Santo Rosario, e desde entón volvín comprobar moitas veces a verdade desas palabras. Non vou facer aquí moitos razoamentos, co fin de glosar esa idea: invítovos máis ben a que fagades a experiencia, a que o descubrades por vós mesmos, tratando amorosamente a María, abríndolle o voso corazón, confiándolle as vosas alegrías e as vosas magoas, pedíndolle que vos axude a coñecer e a seguir a Xesús.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/143/ (14-12-2025)