144

Se buscades a María, atoparedes a Xesús. E aprenderedes a entender un pouco o que hai no corazón de Deus que se anonada, que renuncia a manifestar o seu poder e a súa maxestade, para presentarse en forma de escravo12. Falando ao humano poderiamos dicir que Deus se excede, pois non se limita ao que sería esencial e imprescindible para salvarnos, senón que vai máis alá. A única norma ou medida que nos permite comprender dalgún modo ese xeito de obrar de Deus é decatarnos de que carece de medida: ver que nace dunha loucura de amor, que o leva a tomar a nosa carne e a cargar co peso dos nosos pecados.

Como é posible decatarnos diso, advertir que Deus nos ama, e non nos volver tamén nós tolos de amor? É necesario deixar que esas verdades da nosa fe vaian penetrando na alma, ata cambiar toda a nosa vida. Deus ámanos!: o Omnipotente, o Todopoderoso, o que fixo ceos e terra.

Deus interésase ata das pequenas cousas das súas criaturas: das vosas e das miñas, e chámanos a cadaquén polo noso propio nome13. Esa certeza que nos dá a fe fai que miremos o que nos arrodea cunha luz nova, e que, permanecendo todo igual, advirtamos que todo é distinto, porque todo é expresión do amor de Deus.

A nosa vida convértese así nunha continua oración, nun bo humor e nunha paz que nunca se acaban, nun acto de acción de grazas degrañado a través das horas. A miña alma glorifica o Señor —cantou a Virxe María— e o meu espírito está transportado de gozo no Deus o meu salvador; porque puxo os ollos na baixeza da súa escrava, polo tanto xa desde agora chamaranme benaventurada todas as xeracións. Porque fixo en min cousas grandes aquel que é todopoderoso, cuxo nome é santo14.

A nosa oración pode acompañar e imitar esa oración de María. Coma Ela, sentiremos o desexo de cantar, de proclamar as marabillas de Deus, para que a humanidade enteira e todos os seres participen da nosa felicidade.

Notas
12

Cfr. Phil II, 6-7.

13

Cfr. Is XLIII, 1.

14

Lc I, 46-49.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma