145

María fainos sentir irmáns

Non se pode tratar filialmente a María e pensar só en nós mesmos, nos nosos propios problemas. Non se pode tratar á Virxe e ter egoístas problemas persoais. María leva a Xesús, e Xesús é primoxenitus in multis fratribus, primoxénito entre moitos irmáns15. Coñecer a Xesús, polo tanto, é decatármonos de que a nosa vida non se pode vivir con outro sentido que o de entregarnos ao servizo dos demais. Un cristián non se pode deter só en problemas persoais, xa que ten que vivir de cara á Igrexa universal, pensando na salvación de todas as almas.

Deste modo, ata as facetas que se poderían considerar máis privadas e íntimas —a preocupación pola propia mellora interior— non son en realidade persoais: xa que a santificación forma unha soa cousa co apostolado. Témonos que esforzar polo tanto, na nosa vida interior e no desenvolvemento das virtudes cristiás, pensando no ben de toda a Igrexa, xa que non  poderiamos facer o ben e dar a coñecer a Cristo, se en nós  non houbese un empeño sincero por facer realidade práctica as ensinanzas do Evanxeo.

Impregnados deste espírito, os nosos rezos, aínda que comecen por temas e propósitos en aparencia persoais, rematan sempre decorrendo polas canles do servizo aos demais. E se camiñamos da man da Virxe Santísima, Ela fará que nos sintamos irmáns de todos os homes: porque todos somos fillos dese Deus do que Ela é Filla, Esposa e Nai.

Os problemas do noso próximo han ser os nosos problemas. A fraternidade cristiá débese atopar moi metida no fondo da alma, de xeito que ningunha persoa nos sexa indiferente. María, Nai de Xesús, que o criou, educou e acompañou na súa vida terrea e que agora está onda El nos ceos, axudaranos a recoñecer a Xesús que pasa ao noso carón, que se nos fai presente nas necesidade dos nosos irmáns os homes.

Notas
15

Rom VIII, 29.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma