146
Naquela romaría da que vos falaba ao comezo, mentres camiñabamos cara á ermida de Sonsoles, pasamos á beira duns campos de trigo. As espigas brillaban ao sol, abaneadas polo vento. Veu entón a miña memoria un texto do Evanxeo, unhas palabras que o Señor dirixiu ao grupo dos seus discípulos: Non dicides vós: ea, dentro de catro meses estaremos xa na sega? Pois agora eu dígovos: erguede os vosos ollos, estendede a vista polos campos e vede as espigas brancas e a piques da seitura16. Pensei outra vez máis que o Señor quería meter nos nosos corazóns o mesmo afán, o mesmo lume que dominaba o seu. E, afastándome un pouco do camiño, collín unhas espigas para que me servisen de recordatorio.
Hai que abrir os ollos, hai que saber mirar ao noso redor e recoñecer esas chamadas que Deus nos dirixe a través dos que nos arrodean. Non podemos vivir de costas á multitude, pechados no noso pequeno mundo. Non foi así como viviu Xesús. Os Evanxeos fálannos moitas veces da súa misericordia, da súa capacidade de participar na dor e nas necesidades dos demais: compadécese da viúva de Naím17, chora pola morte de Lázaro18, preocúpase das multitudes que o seguen e que non teñen que comer19, compadécese tamén sobre todo dos pecadores, dos que camiñan polo mundo sen coñecer a luz nin a verdade: desembarcando viu Xesús un grande xentío, e entenrecéronselle con tal visión as súas entrañas, porque andaban coma ovellas sen pastor, e púxose a instruílos en moitas cousas20.
Cando somos de verdade fillos de María comprendemos esa actitude do Señor, de xeito que se agranda o noso corazón e temos entrañas de misericordia. Dóennos entón os sufrimentos, as miserias, as equivocacións, a soidade, a angustia, a dor dos outros homes os nosos irmáns. E sentimos a urxencia de axudalos nas súas necesidades, e de falarlles de Deus para que saiban tratalo como fillos e poidan coñecer as delicadezas maternais de María.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/146/ (14-12-2025)