148

Quizais alguén se pregunte como, de que maneira pode dar este coñecemento ás xentes. E eu respóndovos: con naturalidade, con sinxeleza, vivindo do xeito que vivides en medio do mundo, entregados ao voso traballo profesional e ao coidado da vosa familia, participando nos afáns nobres dos homes, respectando a lexítima liberdade de cada quen.

Desde hai case trinta anos puxo Deus no meu corazón a ansia de facer comprender a persoas de calquera estado, de calquera condición ou oficio, esta doutrina: que a vida ordinaria pode ser santa e chea de Deus, que o Señor nos chama a santificar a tarefa corrente, porque aí está tamén a perfección cristiá. Considerémolo unha vez máis, contemplando a vida de María.

Non esquezamos que a case totalidade dos días que a Nosa Señora pasou na terra transcorreron dunha maneira moi parecida ás xornadas doutros millóns de mulleres, ocupadas en coidar a súa familia, en educar os seus fillos, en sacar adiante as tarefas do fogar. María santifica o máis miúdo, o que moitos consideran erroneamente como intranscendente e sen valor: o traballo cotián, os detalles de atención cara as persoas queridas, as conversacións e as visitas co gallo de parentesco ou amizade. Bendita normalidade, que pode estar chea de tanto amor de Deus!

Porque iso é o que explica a vida de María: o seu amor. Un amor levado ata o extremo, ata o completo esquecemento de si mesma, contenta de estar alí, onde a quere Deus, e cumprindo con esmero a vontade divina. Iso é o que fai que o máis pequeno xesto seu, non sexa nunca banal, senón que se manifeste cheo de contido. María, Nosa Nai, e para nós exemplo e camiño. Temos que procurar ser coma Ela, nas circunstancias concretas nas que Deus quixo que vivamos.

Actuando así darémoslles aos que nos arrodean o testemuño dunha vida sinxela e normal, coas limitacións e cos defectos propios da nosa condición humana, pero coherente. E, ao vérmonos igual ca eles en todas as cousas, os demais sentíranse invitados a preguntarnos: como se explica a vosa ledicia?, de onde sacades forzas para vencer o egoísmo e a comodidade?, quen vos aprende a vivir a comprensión, a limpa convivencia e a entrega, o servizo aos demais?

É entón o momento de descubrirlles o segredo divino da existencia cristiá: de falarlles de Deus, de Cristo, do Espírito Santo, de María. O momento de procurar transmitir, a través das nosas pobres palabras, esa loucura do amor de Deus que a graza espallou nos nosos corazóns.

Este punto noutro idioma