149
San Xoán conserva no seu Evanxeo unha frase marabillosa da Virxe, na escena que xa antes considerabamos: a das vodas de Caná. Nárranos o evanxelista que, dirixíndose aos serventes, María lles dixo: Facede o que El vos dirá 26. Trátase diso, de levar as almas a que se sitúen fronte a Xesús e lle pregunten: Domine quid me vis facere?, Señor, que queres que faga eu?27.
O apostolado cristián —e refírome agora en concreto ao dun cristián corrente, ao do home ou a muller que vive sendo un máis entre os seus iguais— é unha gran catequese, na que, a través do trato persoal, dunha amizade leal e auténtica, espértase nos demais a fame de Deus e axúdaselles a descubrir horizontes novos: con naturalidade, con sinxeleza dixen, co exemplo dunha fe ben vivida, coa palabra amable pero chea da forza da verdade divina.
Sede audaces. Contades coa axuda de María, Regina apostolorum. E a Nosa Señora, sen deixar de se comportar como Nai, sabe colocar os seus fillos diante das súas precisas responsabilidades. María aos que se aproximan a Ela e contemplan a súa vida, failles sempre o inmenso favor de levalos á Cruz, de poñelos fronte a fronte ao exemplo do Fillo de Deus. E nese enfrontamento, onde se decide a vida cristiá, María intercede para que a nosa conduta culmine cunha reconciliación do irmán menor —ti e mais eu— co Fillo primoxénito do Pai.
Moitas conversións, moitas decisións de entrega ao servizo de Deus foron precedidas dun encontro con María. Nosa Señora fomentou os desexos de busca, activou maternalmente as inquedanzas da alma, fixo aspirar a un cambio, a unha vida nova. E así o facede o que El vos dirá converteuse en realidades de amorosa entrega, en vocación cristiá que alumea desde entón toda a nosa vida persoal.
Este tempo de conversación perante o Señor, no que meditamos sobre a devoción e o agarimo á Nai súa e nosa, pode, pois, rematar reavivando a nosa fe. Está comezando o mes de maio. O Señor quere de nós que non desaproveitemos esta ocasión de medrar no seu Amor a través do trato coa súa Nai. Que cada día saibamos ter con Ela eses detalles de fillos — cousas pequenas, atencións delicadas—, que se van facendo grandes realidades de santidade persoal e de apostolado, é dicir, de empeño constante por contribuír á salvación que Cristo veu traer ao mundo.
Sancta María, spes nostra, ancilla Domini, sedes sapientiae, ora por nobis! Santa María, esperanza nosa, escrava do Señor, asento da Sabedoría, roga por nós!
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/149/ (14-12-2025)