150

Hoxe, festa do Corpus Christi, meditamos xuntos a profundidade do amor do Señor, que o levou a quedarse oculto baixo as especies sacramentais, e parece coma se oísemos fisicamente aquelas ensinanzas súas ás multitudes: saíu un labrego a sementar e, ao esparexer os grans, algúns caeron preto do camiño, e viñeron as aves do ceo e coméronos; outros caeron en pedregais, onde había pouca terra, e logo agromaron, por estar moi na superficie, mais saído o sol, queimáronse e secáronse, porque non tiñan raíces; outros caeron nas silvas, que medraron e sufocáronos; outros grans caeron en boa terra, e deron froito, algúns do cento por un, outros o sesenta e outros o trinta1.

A escena é actual. O sementador divino espalla tamén agora a súa semente. A obra da salvación séguese a cumprir, e o Señor quérese servir de nós: desexa que os cristiáns abramos ao seu amor todos os vieiros da terra, invítanos a que difun-damos a divina mensaxe, coa doutrina e co exemplo, ata os últimos recunchos do mundo. Pídenos que, sendo cidadáns da sociedade eclesial e da civil, ao desenvolver con fidelidade os nosos deberes, cada un sexa outro Cristo, santificando o traballo profesional e as obrigas do propio estado.

Se miramos ao noso redor, a este mundo que amamos porque é feitura divina, advertiremos que se verifica a parábola: a palabra de Xesucristo é fecunda, suscita en moitas almas afáns de entrega e de fidelidade. A vida e o comportamento dos que serven a Deus cambiou a historia, e mesmo moitos dos que non coñecen o Señor móvense —sen sabelo quizais— por ideais nacidos do cristianismo.

Vemos tamén que parte da semente cae en terra estéril, ou entre silveiras e abrollos: que hai corazóns que se pechan á luz da fe. Os ideais de paz, de reconciliación, de fraternidade, son aceptados e proclamados, pero —non poucas veces— son desmentidos cos feitos. Algúns homes empéñanse inutilmente en aferrollar a voz de Deus, impedindo a súa difusión coa forza bruta ou cunha arma menos ruidosa, malia que poida que máis cruel, porque insensibiliza o espírito: a indiferenza.

Notas
1

Mt XIII 3-8.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma