151
O Pan de vida eterna
Gustaríame que, ao considerar todo iso, acadásemos conciencia da nosa misión de cristiáns, volvésemos os ollos cara a Sagrada Eucaristía, cara a Xesús que, presente entre nós, constituíunos como membros seus: vos estis corpus Christi et membra de membro2, vós sodes o corpo de Cristo e membros unidos a outros membros. O noso Deus decidiu permanecer no Sagrario para alimentarnos, para fortalecernos, para divinizarnos, para dar eficacia á nosa tarefa e ao noso esforzo. Xesús é simultaneamente o sementador, a semente e o froito da sementeira: o Pan de vida eterna.
Este milagre, continuamente renovado, da Sagrada Eucaristía, ten todas as características da maneira de actuar de Xesús. Perfecto Deus e perfecto home, Señor de ceos e terra, ofrécesenos como sustento, do xeito máis natural e ordinario. Así espera o noso amor, desde hai case dous mil anos. É moito tempo e non é moito tempo: porque, cando hai amor, os días voan.
Vén á miña memoria unha encantadora poesía galega, unha desas cantigas de Afonso X o Sabio. A lenda dun monxe que, na súa simplicidade, suplicoulle a Santa María poder contemplar o ceo, aínda que só fose por un intre. A Virxe acolleu o seu desexo, e o bo monxe foi trasladado ao paraíso. Cando regresou, non recoñecía a ningún dos moradores do mosteiro: a súa oración, que lle parecera brevísima, durara tres séculos. Tres séculos non son nada, para un corazón amante. Así explícome eu eses dous mil anos de espera do Señor na Eucaristía. É a espera de Deus, que ama os homes, que anda na nosa procura, que nos quere tal como somos —limitados, egoístas, inconstantes—, mais coa capacidade de descubrir o seu infinito agarimo e de entregarnos a El enteiramente.
Por amor e para aprendernos a amar, veu Xesús á terra e quedou entre nós na Eucaristía. Como amara os seus que vivían no mundo, amounos ata a fin3, con esas palabras comeza san Xoán a narración do que aconteceu aquela véspera da Pascua, na que Xesús —nolo refire san Paulo— tomou o pan, e dando grazas, partiuno e dixo: tomade e comede; isto é o meu corpo, que será entregado por vós; facede isto en memoria miña. E da mesma maneira o cáliz, despois de ter ceado, dicindo: este cáliz é o novo testamento do meu sangue; facede isto cantas veces o bebésedes, en memoria miña4.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/151/ (14-12-2025)