152
Unha vida nova
É o momento sinxelo e solemne da institución do Novo Testamento. Xesús derroga a antiga economía da Lei e revélanos que El mesmo será o contido da nosa oración e da nosa vida.
Vede o gozo que enche a liturxia de hoxe: sexa a loanza plena, sonora, alegre5. É o xúbilo cristián, que canta a chegada doutro tempo: rematou a antiga Pascua, iníciase a nova. O vello é substituído polo novo, a verdade fai que a sombra desapareza, a noite é eliminada pola luz6.
Milagre de amor. Este é verdadeiramente o pan dos fillos7: Xesús, o Primoxénito do Eterno Pai, ofrécesenos como alimento. E o mesmo Xesucristo, que aquí nos robustece, espéranos no ceo como comensais, coherdeiros e socios8, porque os que se nutren de Cristo morrerán coa morte terrea e temporal, pero vivirán eternamente, porque Cristo é a vida imperecedoira9.
A felicidade eterna, para o cristián que se conforta co definitivo maná da Eucaristía, comeza xa agora. O vello pasou: deixemos á parte todo o caduco; sexa todo novo para nós: os corazóns, as palabras e as obras10.
Esta é a Boa Nova. É novidade, noticia, porque nos fala dunha fondura de amor, que antes non sospeitabamos. É boa, porque nada mellor que nos unir intimamente a Deus, Ben de todos os bens. Esta é a Boa Nova, porque, dalgún xeito e dun modo indescritible, nos anticipa a eternidade.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/152/ (14-12-2025)