153
Tratar a Xesús na Palabra e no Pan
Xesús escóndese no Santísimo Sacramento do Altar, para que nos atrevamos a tratalo, para ser o noso sustento, co fin de que nos fagamos unha soa cousa con El. Ao dicir sen min non podedes facer nada11, non condenou ao cristián á ineficacia, nin o obrigou a unha busca ardua e difícil da súa Persoa. Quedou entre nós cunha dispoñibilidade total.
Cando nos reunimos perante o altar mentres se celebra o Santo Sacrificio da Misa, cando contemplamos a Sagrada Hostia exposta na custodia ou adorámola oculta no Sagrario, debemos reavivar a nosa fe, pensar nesa existencia nova, que vén a nós, e conmovernos ante o agarimo e a tenrura de Deus.
Perseveraban todos na doutrina dos Apóstolos, na comunicación da fracción do pan, e nas oracións12. Así nos describen as Escrituras a conduta dos primeiros cristiáns: congregados pola fe dos Apóstolos en perfecta unidade, ao participar da Eucaristía, unánimes na oración. Fe, Pan, Palabra.
Xesús, na Eucaristía, é prenda segura da súa presenza nas nosas almas; do seu poder, que sostén o mundo; das súas promesas de salvación, que axudarán a que a familia humana, cando chegue a fin dos tempos, habite perpetuamente na casa do Ceo, en derredor de Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito Santo: Trindade Beatísima, Deus Único. É toda a nosa fe a que se pon en acto cando cremos en Xesús, na súa presenza real baixo os accidentes do pan e do viño.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/153/ (14-12-2025)