154
Non comprendo como se pode vivir cristiamente sen sentir a necesidade dunha amizade constante con Xesús na Palabra e no Pan, na oración e na Eucaristía. E entendo moi ben que, ao longo dos séculos, as sucesivas xeracións de fieis fosen concretando esa piedade eucarística. Unhas veces, con prácticas multitudinarias, profesando publicamente a fe; outras, con xestos silandeiros e calados, na sacra paz do templo ou na intimidade do corazón.
Ante todo, temos que amar a Santa Misa que debe ser o centro do noso día. Se vivimos ben a Misa, como non continuar logo o resto da xornada co pensamento no Señor, co proí-do de non nos apartar da súa presenza, para traballar como El traballaba e amar como El amaba? Aprendemos entón a agradecerlle ao Señor esa outra delicadeza súa: que non quixese limitar a súa presenza ao momento do Sacrificio do Altar, senón que decidise permanecer na Hostia Santa que se reserva no Tabernáculo, no Sagrario.
Direivos que para min o Sagrario foi sempre Betania, o lugar tranquilo e apracible onde está Cristo, onde lle podemos contar as nosas preocupacións, os nosos sufrimentos, as nosas ilusións e as nosas alegrías, coa mesma sinxeleza e naturalidade con que lle falaban aqueles amigos seus, Marta, María e Lázaro. Por iso, ao percorrer as rúas dalgunha cidade ou dalgunha vila, alégrame descubrir, aínda que sexa ao lonxe, a silueta dunha igrexa; é un novo Sagrario, unha ocasión máis para deixar que a alma escape para estar co desexo xunto ao Señor Sacramentado.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/154/ (14-12-2025)