156

Nesta festa, en cidades dunha e doutra parte da terra, os cristiáns acompañan en procesión o Señor, que oculto na Hostia percorre as rúas e as prazas —o mesmo que na súa vida terrea—, saíndo ao paso dos que o queren ver, facéndose o encontradizo cos que non o buscan. Xesús aparece así, unha vez máis, no medio dos seus: como reaccionamos ante esta chamada do Mestre?

Porque as manifestacións externas de amor deben nacer do corazón, e prolongarse co testemuño de conduta cristiá. Se fomos renovados coa recepción do Corpo do Señor, temos que o manifestar con obras. Que os nosos pensamentos sexan sinceros: de paz, de entrega, de servizo. Que as nosas palabras sexan verdadeiras, claras, oportunas; que saiban consolar e axudar, que saiban, sobre todo levar a outros a luz de Deus. Que as nosas accións sexan coherentes, eficaces, acertadas: que teñan ese bonus odor Christi15, o bo olor de Cristo, porque lembren o seu xeito de se comportar e de vivir.

A procesión do Corpus fai presente a Cristo polas vilas e as cidades do mundo. Mais esa presenza, repito, non debe ser cousa dun día, ruído que se escoita e se esquece. Ese pasar de Xesús tráenos á memoria que o debemos descubrir tamén no noso quefacer ordinario. Xunto con esa procesión solemne deste xoves, debe estar a procesión calada e sinxela, da vida corrente de cada cristián, home entre os homes, pero coa dita de ter recibido a fe e a misión divina de conducirse de tal xeito que renove a mensaxe do Señor na terra. Non nos faltan erros, miserias, pecados. Mais Deus está cos homes, e temos que nos dispor para que se sirva de nós e se faga continuo o seu tránsito entre as criaturas.

Ímoslle pedir, pois, ao Señor que nos conceda ser almas de Eucaristía, que o noso trato persoal con El se exprese en ledicia, en serenidade, en afán de xustiza. E facilitarémoslles aos demais a tarefa de recoñecer a Cristo, contribuiremos a poñelo no cume de todas as actividades humanas. Cumprirase a promesa de Xesús: Eu, cando sexa exaltado sobre a terra, atraereino todo onda min16.

Notas
15

2 Cor II, 15.

16

Ioh XII, 32.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma