157

O pan e a sega: comuñón con todos os homes

Xesús, dicíavos ao comezo, é o sementador. E, por medio dos cristiáns, prosegue a súa sementeira divina. Cristo aperta o trigo coas súas mans chagadas, empápao co seu sangue, límpao, purifícao e esparéxeo no suco, que é o mundo. Bota os grans un a un, para que cada cristián, no seu propio ambiente, dea testemuño da fecundidade da Morte e da Resurrección do Señor.

Se estamos nas mans de Cristo, debemos impregnarnos do seu Sangue redentor, deixarnos lanzar ao chou, aceptar a nosa vida tal e como Deus a quere. E convencernos de que, para frutificar, a semente ten que se soterrar e morrer17. Logo érguese o talo e xorde a espiga. Da espiga, o pan, que será convertido por Deus no Corpo de Cristo. Dese xeito volvémonos reunir en Xesús, que foi o noso sementador. Porque o pan é un, e aínda que sexamos moitos, somos un só corpo, pois todos participamos dese único pan18.

Non perdamos nunca de vista que non hai froito, se antes non hai sementeira: é preciso —polo tanto— esparexer xenerosamente a palabra de Deus, facer que os homes coñezan a Cristo e que, coñecéndoo, teñan fame del. É boa ocasión esta festa do Corpus Christi —Corpo de Cristo, Pan de vida— para meditar nesas fames que se advirten no pobo: de verdade, de xustiza, de unidade e de paz. Ante a fame de paz, temos que repetir con san Paulo: Cristo é a nosa paz, pax nostra19. Os desexos de verdade débennos lembrar que Xesús é o camiño, a verdade e a vida20. Aos que aspiran á unidade, temos que os colocar fronte a Cristo que roga para que esteamos consummati in unum, consumados na unidade21. A fame de xustiza débenos conducir a fonte orixinaria da concordia entre os homes: o ser e saberse fillos do Pai, irmáns.

Paz, verdade, unidade, xustiza. Que difícil parece ás veces a tarefa de superar as barreiras, que impiden a convivencia humana! E, non obstante, os cristiáns estamos chamados a realizar este milagre de fraternidade: conseguir, coa graza de Deus, que os homes se traten cristiamente: levando os uns a carga dos outros22, vivindo a mandamento do Amor, que é vínculo da perfección e resumo da lei23.

Notas
17

Cfr. Ioh XII, 24-25.

18

1 Cor X, 17.

19

Eph II, 14.

20

Cfr. Ioh XIV, 6.

21

Ioh XVII, 23.

22

Gal VI, 2.

23

Cfr. Col III, 14 e Rom XIII, 10.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma