158

Non se nos pode ocultar que queda moito por facer. En certa ocasión, contemplando quizais o suave movemento das espigas xa engraecidas, dixo Xesús aos seus discípulos: a anada é moita, mais os obreiros son poucos. Rogade pois ao dono da colleita que envíe traballadores ao seu campo24. Como entón, agora seguen facendo falta xornaleiros que queiran soportar o peso do día e da calor25. E se os que traballamos non somos fieis, sucederá o que escribe o profeta Xoel: destruída a colleita, a terra en loito: porque o trigo está seco, desolado o viño, perdido o aceite. Confundídevos, labregos; berrade, viñateiros, polo trigo e a cebada. Non hai colleita26.

Non hai colleita, cando non se está disposto a aceptar xenerosamente un constante traballo, que pode resultar longo e abafante: labrar a terra, botar a semente, coidar as leiras, realizar a sega e a malla... Na historia, no tempo, edifícase o Reino de Deus. O Señor confiounos a todos esa tarefa, e ninguén se pode sentir eximido. Ao adorar e mirar hoxe a Cristo na Eucaristía, pensemos que aínda non chegou a hora do descanso, que a xornada continúa.

Está recollido no libro dos Proverbios: o que labra a súa campía terá paz e saciedade27. Tratemos de aplicarnos espiritualmente esta pasaxe: o que labra o terreo é Deus, o que non é fiel á misión divina de entregarse aos demais, axudándolles a coñecer a Cristo, dificilmente logrará entender o que é o Pan eucarístico. Ninguén estima o que non lle custou esforzo. Para apreciar e amar a Sagrada Eucaristía, é preciso percorrer o camiño de Xesús: ser trigo, morrer para nós mesmos, rexurdir cheos de vida e dar froito abondoso: o cento por un!28.

Ese camiño resúmese nunha única palabra: amar. Amar é ter o corazón grande, sentir as preocupacións dos que nos arrodean, saber perdoar e comprender: sacrificarse, con Xesucristo, polas almas todas. Se amamos co corazón de Cristo aprenderemos a servir, e defenderemos a verdade claramente e con amor. Para amar dese xeito, é preciso que cadaquén extirpe, da súa propia vida, todo o que estorba á Vida de Cristo en nós: o apego á nosa comodidade, a tentación do egoísmo, a tendencia a gabarse do propio. Só reproducindo en nós esa Vida de Cristo, poderemos transmitírllela aos demais; só experimentando a morte do gran de trigo, poderemos traballar nas entrañas da terra, transformala desde dentro, facela fecunda.

Notas
24

Mt IX, 38.

25

Mt XX, 12.

26

Ioel I, 10-11.

27

Prv XII, 11.

28

Cfr. Mc IV, 8.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma