159

O optimismo cristián

Quizais algunha vez poida vir a tentación de pensar que todo iso é fermoso, como o é un soño irrealizable. Faleivos de renovar a fe e a esperanza; permanecede firmes, coa seguridade absoluta de que as vosas ilusión se verán rebordadas polas marabillas de Deus. Mais resulta indispensable que nos ancoremos, de verdade, na virtude cristiá da esperanza.

Que non nos acostumemos aos milagres que se operan ante nós; a ese admirable portento de que o Señor baixe cada día ás mans do sacerdote. Xesús quérenos espertos, para que nos convenzamos da grandeza do seu poder, e para que oiamos novamente a súa promesa: venite post me, et faciam vos fieri piscatores huminum29, se me seguides, eu fareivos pescadores de homes; seredes eficaces, e atraeredes ás almas cara a Deus. Debemos confiar, polo tanto, na palabra do Señor: meterse na barca, empurrar os remos, izar as velas, e lanzarse a ese mar do mundo que Cristo nos entrega como herdade. Duc in altum et laxate retia vestra in capturam! 30: remade mar a dentro, e botade as vosas redes para pescar.

Ese celo apostólico, que Cristo puxo no noso corazón, non se debe esgotar —extinguirse—, por unha falsa humildade. Se é verdade que arrastramos miserias persoais, tamén o é que o Señor conta cos nosos erros. Non escapa á súa mirada misericordiosa que os homes somos criaturas con limitacións, con fraquezas, con imperfeccións, inclinados ao pecado. Pero mándanos que loitemos, que recoñezamos os nosos defectos; non para que nos acovardemos, senón para que nos arrepintamos e fomentar o desexo de ser mellores.

Ademais, temos que lembrar sempre que somos só instrumentos: quen é Apolo?, quen é Paulo? Uns ministros daquel en quen crestes, e iso segundo o don que a cada un lle concedeu o Señor. Eu plantei, regou Apolo, pero Deus é quen deu a medra31. A doutrina, a mensaxe que temos que propagar, ten unha fecundidade propia e infinita, que non é nosa, senón de Cristo. É Deus mesmo quen teima en realizar a obra salvadora, en redimir o mundo.

Notas
29

Mc I, 17.

30

Lc V, 4.

31

1 Cor III, 4-6.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma