160
Fe, pois, sen permitir que nos domine o desánimo; sen pararnos en cálculos soamente humanos. Para superar os atrancos, hai que comezar traballando, meténdose de cheo na tarefa, de xeito que o esforzo nos leve a abrir novas vereas. Ante calquera dificultade, esta é a panacea: santidade persoal, entrega ao Señor.
Ser santos é vivir tal e como o noso Pai do ceo dispuxo que vivamos. Dirédesme que é difícil. Si, o ideal é moi alto. Mais á vez é fácil: está ao alcance da man. Cando unha persoa enferma, ocorre en ocasións que non se logra atopar a medicina. No sobrenatural, non sucede así. A medicina está sempre preto: é Cristo Xesús, presente na Sagrada Eucaristía, que nos dá ademais a súa graza en todos os sacramentos que instituíu.
Repitamos, coas palabras e coas obras: Señor, confío en Ti, bástame a túa providencia ordinaria, a túa axuda de cada día. Non temos por que lle pedir a Deus grandes milagres. Temos que suplicar, pola contra, que aumente a nosa fe, que alumee a nosa intelixencia, que fortaleza a nosa vontade. Xesús permanece sempre xunta nós, e compórtase sempre como quen é.
Desde o comezo da miña predicación, previnvos contra un falso endeusamento. Non te turbe coñecerte como es: así, de barro. Non te preocupe. Porque ti e mais eu somos fillos de Deus —e este é endeusamento bo—, escollidos pola chamada divina desde toda a eternidade: elixiunos o Pai, por Xesucristo, antes da creación do mundo para que sexamos santos na súa presenza32. Nós que somos especialmente de Deus, instrumentos seus malia nosa pobre miseria persoal, seremos eficaces se non perdemos o coñecemento da nosa fraqueza. As tentacións dannos a dimensión da nosa propia debilidade.
Se sentides decaemento, ao experimentar —quizais dun xeito particularmente vivo— a propia mesquindade, é o momento de abandonarse por completo, con docilidade nas mans de Deus. Contan que un día saíu ao encontro de Alexandre Magno un mendigo, pedindo unha esmola. Alexandre detívose e mandou que o fixesen señor de cinco cidades. O pobre, confuso e atordado, exclamou: eu non pedía tanto! E Alexandre respondeu: ti pediches como quen es; eu douche coma quen son.
Aínda nos momentos nos que percibimos máis fondamente a nosa limitación, podemos e debemos mirar a Deus Pai, a Deus Fillo, a Deus Espírito Santo, sabéndonos partícipes da vida divina. Non existe nunca razón suficiente para volver a cara atrás33: o Señor está ao noso carón. Temos que ser fieis, leais, facer fronte ás nosas obrigas, encontrando en Xesús o amor e o estímulo para comprender as equivocacións dos demais e superar os propios erros. Así todos eses decaementos — os teus, os meus, os de todos os homes—, serán tamén soporte para o reino de Cristo.
Recoñezamos as nosas enfermidades, pero confesemos o poder de Deus. O optimismo, a alegría, o convencemento firme de que o Señor quere servirse de nós, tenen que informar a vida cristiá. Se nos sentimos parte desta Igrexa Santa, se nos consideramos sostidos pola rocha firme de Pedro e pola acción do Espírito Santo, decidirémonos a cumprir o pequeno deber de cada instante: sementar cada día un pouco. E a colleita rebordará os celeiros.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/160/ (14-12-2025)