162

Deus Pai dignouse concedernos, no Corazón do seu Fillo, infinitos dilectionis thesaurus1, tesouros inesgotables de amor, de misericordia, de agarimo. Se queremos descubrir a evidencia de que Deus nos ama —de que non só escoita as nosas oracións, senón que se nos adianta—, cómprenos seguir o mesmo razoamento que san Paulo: O que nin o seu propio Fillo perdoou, senón que o entregou á morte por todos nós, como non nos dará con El todas as cousas? 2.

A graza renova o home desde dentro, e convérteo –de pecador e rebelde– en servo bo e fiel3. E a fonte de todas as grazas é o amor que Deus nos ten e que nos revelou, non exclusivamente coas palabras: tamén cos feitos. O amor divino fai que a segunda Persoa da Santísima Trindade, o Verbo, o Fillo de Deus Pai, tome a nosa carne, é dicir, a nosa condición humana, agás o pecado. E o Verbo, a Palabra de Deus é Verbum spirans amorem, a Palabra da que procede o Amor4.

O amor revélasenos na Encarnación, nese andar de Xesucristo pola nosa terra, ata o sacrificio supremo da Cruz. E, na Cruz, maniféstase un novo signo: un dos soldados abriulle a Xesús o costado cunha lanza, e ao momento saíu sangue e auga5. Auga e sangue de Xesús que nos falan dunha entrega realizada ata o último extremo, ata o consummatum est 6, o todo está consumado, por amor.

Na festa de hoxe, ao considerar unha vez máis os misterios centrais da nosa fe, marabillámonos de como as realidades máis fondas —ese amor de Deus Pai que entrega o seu Fillo, e ese amor do Fillo que o leva a camiñar sereno cara ao Gólgota— tradúcese en xestos moi próximos aos homes. Deus non se dirixe a nós con actitude de poder e de dominio, achégasenos, tomando forma de servo, feito semellante aos homes7. Xesús xamais se mostra arredado ou altivo, aínda que nos seus anos de predicación o veremos ás veces magoado, porque lle doe a maldade humana. Pero, se nos fixamos un pouco, advertiremos deseguida que o seu enfado e a súa ira nacen do amor: son unha invitación máis para sacarnos da infidelidade e do pecado. Quero eu acaso a morte do impío, di o Señor, Iavé, e non máis ben que se converta do seu mal camiño e viva? 8. Esas palabras explícannos toda a vida de Cristo, e fannos comprender porque se presentou ante nós cun Corazón de car-ne, cun corazón coma o noso, que é proba fidedigna de amor e testemuño constante do misterio inenarrable da caridade divina.

Notas
1

Oración da Misa do Sagrado Corazón.

2

Rom VIII, 32.

3

Cfr. Mt XXV, 21.

4

San Tomé de Aquino, S. Th. I, q. 43, a. 5 (citando a santo Agostiño, De Trinitate, IX, 10).

5

Ioh XIX, 34.

6

Ioh XIX, 30.

7

Phil II, 7.

8

Ez XVIII, 23.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma