163

Coñecer o Corazón de Cristo Xesús

Non podo deixar de confiarvos algo, que constitúe para min motivo de mágoa e estímulo para a acción: pensar nos homes que aínda non coñecen a Cristo, que aínda non albiscan a profundidade da dita que nos espera nos ceos, e que van pola terra como cegos perseguindo unha alegría da que ignoran o seu verdadeiro nome, ou perdéndose por camiños que os arredan da auténtica felicidade. Que ben se entende o que debeu sentir o Apóstolo Paulo aquela noite na cidade de Tróade cando, entre soños, tivo unha visión: un home macedonio púxoselle diante, rogándolle: pasa a Macedonia e axúdanos. Rematada a visión, ao instante buscaron —Paulo e Timoteo— o modo de pasar a Macedonia, seguros de que Deus os chamaba para predicar o Evanxeo a aquelas xentes9.

Non sentides tamén vós que Deus nos chama que —a través de todo o que sucede ao noso redor— nos empurra a proclamar a boa nova da vinda de Xesús? Pero ás veces os cristiáns empequenecemos a nosa vocación, caemos na superficialidade, perdemos o tempo en liortas e tirapuxas. Ou, o que é peor, non faltan os que se escandalizan falsamente do modo empregado por outros para vivir certos aspectos da fe ou determinadas devocións e, en lugar de abrir eles camiño esforzándose por vivilas da maneira que consideran recta, dedícanse a destruír e a criticar. Certamente, poden xurdir, e xorden de feito, deficiencias na vida dos cristiáns. Mais o importante non somos nós e as nosas miserias: o único que vale é El, Xesús. É de Cristo de quen temos que falar, e non de nós mesmos.

As reflexións que remato de facer, están provocadas por algúns comentarios sobre unha suposta crise na devoción ao Sagrado Corazón de Xesús. Non hai tal crise; a verdadeira devoción foi e é actualmente unha actitude viva, chea de sentido humano e de sentido sobrenatural. Os seus froitos foron e seguen a ser froitos saborosos de conversión, de entrega, de cumprimento da vontade de Deus, de penetración amorosa nos misterios da Redención.

Cousa ben diversa, pola contra, son as manifestacións dese sentimentalismo ineficaz, xaxún de doutrina, con empacho de pietismo. Tampouco me gustan a min as imaxes enfeitadas, esas imaxes do Sagrado Corazón que non poden inspirar devoción ningunha, a persoas con sentido común e con sentido sobrenatural de cristiáns. Mais non é unha mostra de boa lóxica converter uns abusos prácticos, que rematan desaparecendo, nun problema doutrinal, teolóxico.

Se hai crise, trátase de crise no corazón dos homes, que non acertan —por miopía, por egoísmo, por estreiteza de miras— a albiscar o insondable amor de Cristo Noso Señor. A liturxia da Santa Igrexa, desde que se instituíu a festa de hoxe, soubo ofrecer o alimento da verdadeira piedade, recollendo como lectura para a misa un texto de san Paulo, no que se nos propón todo un programa de vida contemplativa —coñecemento e amor, oración e vida— que comeza con esta devoción ao Corazón de Xesús. Deus mesmo, por boca do Apóstolo, convídanos a andar por este camiño: que Cristo habite pola fe nos vosos corazóns; e que arraigados e cimentados na caridade, poidades comprender con todos os santos, cal sexa a anchura e a grandeza, a altura e a profundidade do misterio; e coñecer tamén aquel amor de Cristo, que supera todo coñecemento, para que vos enchades de toda a plenitude de Deus10.

A plenitude de Deus revélasenos e dásenos en Cristo, no amor de Cristo, no Corazón de Cristo. Porque é o Corazón daquel en quen habita toda a plenitude da divindade corporalmente11. Por iso, cando se perde de vista este gran designio de Deus —a corrente de amor instaurada no mundo pola Encarnación, pola Redención e por Pentecoste—, non se comprenderán as delicadezas do Corazón do Señor.

Notas
9

Act XVI, 9-10.

10

Eph III, 17-19.

11

Col II, 9.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma