164
A verdadeira devoción ao Corazón de Cristo
Teñamos en conta toda a riqueza que se agocha nestas palabras: Sagrado Corazón de Xesús. Cando falamos do corazón humano non nos referimos só aos sentimentos, aludimos a toda a persoa que quere, que ama e trata os demais. E, no xeito de expresarse os homes, que recolleron as Sagradas Escrituras para que poidamos entender así as cousas divinas, o corazón é considerado como o resumo e a fonte, a expresión e o fondo último dos pensamentos, das palabras, das accións. Un home vale o que vale o seu corazón, podemos dicir coa nosa linguaxe.
Ao corazón pertence a ledicia: que se alede o meu corazón no teu socorro12; o arrepentimento: o meu corazón é como cera que se derrete dentro do meu peito13; a loanza a Deus: do meu corazón abrolla un canto fermoso14; a decisión para escoitar o Señor: está disposto o meu corazón15; a vela amorosa: eu durmo, mais o meu corazón vixía16. E tamén a dúbida e o temor: non se turbe o voso corazón, crede en min17.
O corazón non só sente; tamén sabe e entende. A Lei de Deus é recibida no corazón18, e nel permanece escrita19. Enga-de tamén a Escritura: da abundancia do corazón fala a boca20. O Señor botoulles en cara aos escribas: por que pensades mal nos vosos corazóns? 21. E, para resumir todos os pecados que o home pode cometer, dixo: do corazón saen os malos pensamentos, os homicidios, adulterios, fornicacións, furtos, falsos testemuños, blasfemias 22.
Cando na Sagrada Escritura se fala do corazón, non se trata dun sentimento pasaxeiro, que trae a emoción ou as bagoas. Fálase do corazón para referirse á persoa que, como manifestou o mesmo Xesucristo, se dirixe toda ela —alma e corpo— ao que considera o seu ben: porque onde está o teu tesouro, alí estará tamén o teu corazón23.
Por iso ao tratar agora do Corazón de Xesús, poñemos de manifesto a certeza do amor de Deus e a verdade da súa entrega a nós. Ao recomendar a devoción a ese Sagrado Corazón, estamos recomendando que debemos dirixirnos integramente — con todo o que somos: a nosa alma, os nosos sentimentos, os nosos pensamentos, as nosas palabras e as nosas accións, o noso traballo e as nosas alegrías— a todo Xesús.
Nisto concrétase a verdadeira devoción ao Corazón de Xesús: en coñecer a Deus e coñecernos a nós mesmos, e en mirar a Xesús e acudir a El, que nos anima, nos ensina, nos guía. Non cabe nesta devoción máis superficialidade que a do home que, non sendo integramente humano, non atina a percibir a realidade de Deus encarnado.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/164/ (14-12-2025)