165

Xesús na Cruz, co corazón traspasado de amor polos homes, é unha resposta elocuente —sobran as palabras— á pregunta polo valor das cousas e das persoas. Valen tanto os homes, a súa vida, e a súa felicidade, que o mesmo Fillo de Deus se entrega para redimilos, para limpalos e para elevalos. Quen non amará o seu Corazón tan ferido?, preguntaba ante iso unha alma contemplativa. E seguía preguntando: quen non devolverá amorpor amor? Quen non apertará un corazón tan puro? Nós, que somos de carne, pagaremos amor por amor, apertaremos o noso ferido, o que os impíos atravesaron mans e pés, o costado e o Corazón. Pidamos que se digne ligar o noso corazón co vínculo do amor e ferilo cunha lanza, porque é aínda duro e impenitente24.

Son pensamentos, afectos, conversas que as almas namoradas dedicaron a Xesús desde sempre. Pero, para entender esta linguaxe, para saber de verdade o que é o corazón humano e o Corazón de Cristo e o amor de Deus, fai falta fe e fai falta humildade. Con fe e humildade deixounos santo Agostiño unhas palabras universalmente famosas: creáchesnos, Señor, para ser teus, e o noso corazón está desacougado ata que descanse en ti25.

Cando se descoida a humildade, o home pretende apropiarse de Deus, mais non dese xeito divino, que o mesmo Cristo fixo posible, dicindo tomade e comede, porque este é o meu corpo26: senón intentando reducir a grandeza divina aos límites humanos. A razón, esa razón fría e cega que non é a intelixencia que procede da fe, nin tampouco a intelixencia recta da criatura capaz de gustar e amar as cousas, convértese na falta de razón de quen o somete todo ás súas propias experiencias habituais, que empequenecen a verdade sobrehumana, que recobren o corazón do home cunha cotra insensible ás mocións do Espírito Santo. A nosa pobre intelixencia estaría perdida, se non fose polo poder misericordioso de Deus, que rompe as fronteiras da nosa miseria: dareivos un corazón novo e revestireivos dun novo espírito; quitareivos o voso corazón de pedra e dareivos no seu lugar un corazón de carne27. E a alma recobra a luz e énchese de gozo, ante as promesas da Escritura Santa.

Eu teño pensamentos de paz e non de afliximento28, declarou Deus por boca do profeta Xeremías. A liturxia aplica estas palabras a Xesús, porque nel se manifesta con toda claridade que Deus nos quere deste xeito. Non vén a nos condenar, a nos botar en cara a nosa indixencia ou a nosa mesquindade: vén a salvarnos, a perdoarnos, a desculparnos, a traernos a paz e a ledicia. Se recoñecemos esta marabillosa relación de Deus cos seus fillos, cambiaranse necesariamente os nosos corazóns, e decatarémonos de que ante os nosos ollos se abre un panorama absolutamente novo, cheo de relevo, de fondura e de luz.

Notas
24

San Boaventura, Vitis mystica, 3, 11 (PL 184, 643).

25

Santo Agostiño, Confessiones, 1, 1, 1 (PL 32, 661).

26

1 Cor XI, 24.

27

Ez XXXVI, 26.

28

Ier XXIX, 11.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma