166

Levar aos demais o amor de Cristo

Pero fixádevos en que Deus non nos declara: en lugar do corazón, dareivos unha vontade de puro espírito. Non: dános un corazón, e un corazón de carne, como o de Cristo. Eu non posúo un corazón para amar a Deus, e outro para amar ás persoas da terra. Co mesmo corazón co que quixen a meus pais e quero os meus amigos, con ese mesmo corazón amo eu a Cristo, e o Pai e o Espírito Santo e Santa María. Non me cansarei de repetilo: temos que ser moi humanos; porque, doutro xeito, tampouco poderemos ser divinos.

O amor humano, o amor de aquí abaixo na terra cando é verdadeiro, axúdanos a saborear o amor divino. Así albiscamos o amor co que gozaremos de Deus e o que mediará entre nós, alá no ceo, cando o Señor sexa todo en todas as cousas29. Ese comezar a entender o que é o amor divino empuxaranos a manifestarnos habitualmente máis comprensivos, máis xenerosos, máis entregados.

Temos que dar o que recibimos, ensinar o que aprendemos; facerlles partícipes aos demais —sen fachenda, con sinxeleza— dese coñecemento do amor de Cristo. Ao realizar cada un o voso traballo, ao exercer a vosa profesión na sociedade, podedes e debedes converter a vosa ocupación nunha tarefa de servizo. O traballo ben rematado, que progresa e fai progresar, que ten en conta os adiantos da cultura e da técnica, realiza unha grande función, útil sempre á humanidade enteira, se nos move a xenerosidade, non o egoísmo, o ben de todos, non o proveito propio: se está cheo de sentido cristián da vida.

Con ocasión dese labor, na mesma trama das relacións humanas, debedes mostrar a caridade de Cristo e os seus resultados concretos de amizade, de comprensión, de agarimo humano, de paz. Como Cristo pasou facendo o ben30 por todos os camiños de Palestina, vós nos camiños humanos da familia, da sociedade civil, das relacións do quefacer profesional ordinario, da cultura e do descanso, tedes que desenvolver tamén unha grande sementeira de paz. Será a mellor proba de que ao voso corazón chegou o reino de Deus: nós coñecemos que fomos trasladados da morte á vida —escribe o Apóstolo san Xoán— en que amamos os irmáns31.

Pero ninguén vive ese amor, se non se forma na escola do Corazón de Xesús. Só se miramos e contemplamos o Corazón de Cristo, conseguiremos que o noso se libere do odio e da indiferenza; soamente así saberemos reaccionar de xeito cristián ante os sufrimentos alleos, ante a dor.

Lembrade a escena que nos conta san Lucas, cando Cristo andaba preto da cidade de Naím32. Xesús ve a congoxa daquelas persoas, coas que se cruzaban ocasionalmente. Podería seguir o seu camiño, ou agardar unha chamada, unha petición. Pero nin se vai nin espera. Toma a iniciativa, movido pola afliximento dunha muller viúva, que perdera o único que lle quedaba, o seu fillo.

O evanxelista explica que Xesús se compadeceu: quizais se conmovería tamén exteriormente, como na morte de Lázaro. Non era, non é Xesucristo impasible ante o padecemento, que nace do amor, nin se goza en separar aos fillos dos seus pais: supera a morte para dar a vida, para que estean preto os que se queren, esixindo antes e á vez a preeminencia do Amor divino que ha de informar a auténtica existencia cristiá.

Cristo coñece que o arrodea unha multitude, que permanecerá abraiada ante o milagre e irá pregoando o suceso por toda a bisbarra. Pero o Señor non actúa artificialmente, para realizar un xesto: séntese sinxelamente afectado polo sufrimento daquela muller, e non a pode deixar de consolar. En efecto, aproximouse a ela e díxolle: non chores33. Que é como lle dar a entender: non te quero ver desfeita en bagoas, porque eu vin traer a terra o gozo e a paz. Logo ten lugar o milagre, manifestación do poder de Cristo Deus. Mais antes foi a conmoción da súa alma, manifestación evidente da tenrura do Corazón de Cristo Home.

Notas
29

1 Cor XV, 28.

30

Act X, 38.

31

1 Ioh III, 14.

32

Lc VII, 11-17.

33

Lc VII, 13.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma