167

Se non aprendemos de Xesús, non amaremos nunca. Se pensásemos, como algúns, que conservar un corazón limpo, dig-no de Deus, significa non mesturalo, non contaminalo con afectos humanos, entón o resultado lóxico sería facérmonos insensibles ante a dor dos demais. Seriamos capaces só dunha caridade oficial, seca e sen alma, non da verdadeira caridade de Cristo, que é agarimo, calor humana. Con isto non dou pé a falsas teorías, que son tristes escusas para desviar os corazóns — afastándoos de Deus—, e levalos a malas ocasións e á perdición.

Na festa de hoxe temos que lle pedir ao Señor que nos conceda un corazón bo, capaz de compadecerse das magoas das criaturas, capaz de comprender que, para remediar os tormentos que acompañan e non poucas veces angustian ás almas neste mundo, o verdadeiro bálsamo é o amor, a caridade: todos os outros consolos apenas serven para distraer un momento, e deixar logo amargura e desesperación.

Se queremos axudar os demais, temos que os amar, insisto, cun amor que sexa comprensión e entrega, afecto e voluntaria humildade. Así entenderemos porque o Señor decidiu resumir toda a Lei neste dobre mandamento, que é en realidade un mandamento só: o amor a Deus e o amor ao próximo, con todo o noso corazón34.

Se cadra pensaredes agora que ás veces os cristiáns —non os outros: ti e mais eu— esquecémonos das aplicacións máis elementais deste deber. Quizais pensaredes en tantas inxustizas que non se remedian, nos abusos que non son corrixidos, en situacións de discriminación que se transmiten dunha xeración a outra, sen que se poña en camiño unha solución desde a raíz.

Non podo, nin teño porque, propoñervos a forma concreta de resolver eses problemas. Pero, como sacerdote de Cristo, é o meu deber lembrarvos o que di a Escritura Santa. Meditade na escena do xuízo, que o mesmo Xesús describiu: arredádevos de min malditos, e ide ao lume eterno, que foi preparado para o diabo e os seus anxos. Porque tiven fame e non me destes de comer; tiven sede e non me destes de beber; fun peregrino e non me recibistes; estiven espido e non me cubristes; enfermo e na cadea e non me visitastes35.

Un home ou unha sociedade que non reaccione ante as tribulacións ou as inxustizas, que non se esforce por alivialas, non son un home ou unha sociedade á medida do amor do Corazón de Cristo. Os cristiáns —conservando sempre a máis ampla liberdade á hora de estudar e levar á práctica as diversas solucións e, polo tanto, cun lóxico pluralismo—, teñen que coincidir no idéntico afán de servir á humanidade. Doutro xeito, o seu cristianismo non será a Palabra e a Vida de Xesús: será un disfrace, un engano cara a Deus e cara aos homes.

Notas
34

Cfr. Mt XXII, 40.

35

Mt XXV, 41-43.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma