168
A paz de Cristo
Mais heivos propor ademais outras consideracións: que temos que loitar sen desmaio por obrar ben, precisamente porque sabemos que é difícil que os homes nos decidamos seriamente a exercitar a xustiza, e é moito o que falta para que a convivencia terrea estea inspirada polo amor, e non polo odio ou a indiferenza. Non se nos agocha tampouco que, aínda que consigamos chegar a unha razoable distribución dos bens e a unha harmoniosa organización da sociedade, non desaparecerá a dor da enfermidade, a da incomprensión ou a da soidade, a da morte das persoas que amamos, a da experiencia da propia limitación.
Ante eses pesadumes o cristián só ten unha resposta auténtica, unha resposta que é definitiva: Cristo na Cruz, Deus que sofre e que morre, Deus que nos entrega o seu Corazón, que unha lanza abriu por amor a todos. O Noso Señor abomina das inxustizas, e condena a quen as comete. Pero, como respecta á liberdade de cada individuo, permite que as haxa. Deus Noso Señor non causa a dor das criaturas pero toléraa porque — desde o pecado orixinal— forma parte da condición huma-na. Porén, o seu Corazón cheo de amor polos homes fíxolle cargar sobre si, coa Cruz, todas esas torturas: o noso sufrimen-to, a nosa tristeza, a nosa angustia, a nosa fame e sede de xustiza.
A ensinanza cristiá sobre a dor non é un programa de consolos fáciles. É en primeiro termo, unha doutrina de aceptación dese padecemento, que é de feito inseparable de toda vida humana. Non se pode ocultar —con alegría, porque sempre prediquei e procurei vivir que, onde está a Cruz, está Cristo, o Amor— que a dor apareceu frecuentemente na miña vida; e máis dunha vez tiven ganas de chorar. Noutras ocasións, sentín que medraba o meu desgusto ante a inxustiza e o mal. E gustei o desazo de ver que non podía facer nada, que —malia aos meus desexos e aos meus esforzos— non conseguía mellorar aquelas inicuas situacións.
Cando vos falo de dor, non vos falo só de teorías; nin me limito tampouco a recoller unha experiencia doutros, ao cofir-marvos que, se —ante a realidade do sufrimento— sentides algunha vez que vacila a vosa alma, o remedio é mirar a Cristo. A escena do Calvario proclama a todos que as aflicións teñen que ser santificadas, se vivimos unidos á Cruz.
Porque as nosas tribulacións cristiamente vividas, convértense en reparación, en desagravio, en participación no destino e na vida de Xesús, que voluntariamente por Amor aos homes experimentou toda a gama da dor, todo tipo de tormentos. Naceu, viviu e morreu pobre; foi atacado, insultado, difama-do, calumniado e condenado inxustamente; coñeceu a traizón e o abandono dos seus discípulos; experimentou a soidade e a amargura do castigo e da morte. Agora mesmo Cristo segue sufrindo nos seus membros, na humanidade enteira que poboa a terra, e da que El é Cabeza, e Primoxénito, e Redentor.
A dor entra nos plans de Deus. Esa é a realidade, aínda que nos custe entendela. Tamén, como Home, custoulle a Xesús soportala: Pai, se queres, arreda de min este cáliz, mais non se faga a miña vontade, senón a túa36. Nesta tensión de suplicio e de aceptación da vontade do Pai, Xesús vai á morte serenamente, perdoando os que o crucifican.
Precisamente, esa admisión sobrenatural da dor supón, ao tempo, a maior conquista. Xesús, morrendo na Cruz, venceu á morte; Deus saca, da morte, vida. A actitude dun fillo de Deus non é a de quen se resigna á súa tráxica desventura, é a satisfacción de quen pregusta xa a vitoria. En nome dese amor vitorioso de Cristo, os cristiáns debémonos lanzar por todos os camiños da terra, para ser sementadores de paz e de ledicia coa nosa palabra e coas nosas obras. Temos que loitar —loita de paz— contra o mal, contra a inxustiza, contra o pecado, para proclamar dese xeito que a actual condición humana non é a definitiva; que o amor de Deus, manifestado no Corazón de Cristo, acadará o glorioso triunfo espiritual dos homes.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/168/ (14-12-2025)