169
Evocabamos antes os sucesos de Naím. Poderiamos citar agora outros, porque os Evanxeos están cheos de escenas semellantes. Estes relatos removeron e seguirán sempre removendo os corazóns das criaturas: xa que non entrañan só o xesto sincero dun home que se compadece dos seus semellantes, porque presentan esencialmente a revelación da caridade inmensa do Señor. O Corazón de Xesús é o Corazón de Deus encarnado, do Emmanuel, Deus connosco.
A Igrexa, unida a Cristo, nace dun Corazón ferido37. Dese Corazón, aberto de par en par, transmítesenos a vida. Como non lembrar aquí, aínda que sexa de paso, os sacramentos, a través dos que Deus obra en nós e nos fai partícipes da forza redentora de Cristo? Como non lembrar con particular agradecemento o Santísimo Sacramento da Eucaristía, o Santo Sacrificio do Calvario e a súa constante renovación incruenta na nosa Misa? Xesús que se nos entrega como alimento: porque Xesucristo vén a nós, todo cambiou, e no noso ser maniféstanse forzas —a axuda do Espírito Santo— que enchen a alma, que informan as nosas accións, o noso modo de pensar e de sentir. O Corazón de Cristo é paz para o cristián.
O fundamento da entrega que o Señor nos pide, non se concreta só nos nosos desexos nin nas nosas forzas, tantas veces curtos e impotentes: primeiramente apóiase nas grazas que nos acadou o Amor do Corazón de Deus feito Home. Por iso podemos e debemos perseverar na nosa vida interior de fillos do Noso Pai que está nos ceos, sen deixar sitio ao desánimo nin ao desacougo. Gústame facer considerar como o cristián, na súa existencia ordinaria e corrente, nos detalles máis sinxelos, nas circunstancias normais da súa xornada cotiá, pon en exercicio a fe, a esperanza e a caridade, porque alí repousa a esencia da conduta dunha alma que conta co auxilio divino; e que, na práctica desas virtudes teologais, atopa a ledicia, a forza e a serenidade.
Estes son os froitos da paz de Cristo, da paz que nos trae o seu Corazón Sacratísimo. Porque —digámolo unha vez máis— o amor de Xesús aos homes é un aspecto insondable do misterio divino, do amor do Fillo ao Pai e ao Espírito Santo. O Espírito Santo, o lazo de amor entre o Pai e o Fillo, atopa no Verbo un Corazón humano.
Non é posible falar destas realidades centrais da nosa fe, sen advertir a limitación da nosa intelixencia e as grandezas da Revelación. Pero, aínda que non poidamos abranguer estas verdades, aínda que a nosa razón pasme ante elas, cré-molas humilde e firmemente: sabemos, apoiados no testemuño de Cristo, que son así. Que o Amor, no seo da Trindade, se espalla sobre todos os homes polo amor do Corazón de Xesús.
Himno de Vésperas da Festa.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/169/ (14-12-2025)