17

Pertransiit benefaciendo. Que fixo Xesucristo para espallar tanto ben, e só ben, por onde queira que pasou? Os Santos Evanxeos transmitíronnos outra biografía de Xesús, resumida en tres palabras latinas, que nos dan a resposta: erat subditus illis16, obedecía. Hoxe que o ambiente está repleto de desobediencia, de murmuracións, de desunión, temos que estimar especialmente a obediencia.

Son moi amigo da liberdade, e precisamente por iso quero tanto esa virtude cristiá. Debémonos sentir fillos de Deus, e vivir coa ilusión de cumprir a vontade do noso Pai. Realizar as cousas segundo o querer de Deus, porque nos peta, que é a razón máis sobrenatural.

O espírito do Opus Dei, que procurei practicar e ensinar desde hai máis de trinta e cinco anos, fíxome comprender e amar a liberdade persoal. Cando Deus Noso Señor lles concede aos homes a súa graza, cando os chama cunha vocación específica, é coma se lles tendese unha man, unha man paterna chea de fortaleza, repleta sobre todo de amor, porque nos busca un a un, como fillas e fillos seus, e porque coñece a nosa debilidade. Espera o Señor que fagamos o esforzo de coller a súa man, esa man que El nos achega: Deus pídenos un esforzo, proba da nosa liberdade. Para saber levalo a cabo, temos que ser humildes, temos que nos sentir fillos pequenos e amar a obediencia bendita coa que respondemos á bendita paternidade de Deus.

Convén que deixemos que o Señor se meta nas nosas vidas, e que entre confiadamente, sen atopar atrancos nin recunchos. Os homes tendemos adefendernos, a apegarnos ao noso egoís-mo. Sempre intentamos ser reis, aínda que sexa do reino da nosa miseria. Entendede, con esta consideración, porque temos necesidade de acudir a Xesús: para que El nos faga verdadeiramente libres e dese xeito poidamos servir a Deus e a todos os homes. Só así percibiremos a verdade daquelas palabras de san Paulo: Agora, quedando libres do pecado e feitos servos de Deus, colledes por froito a vosa santificación e por fin a vida eterna, xa que o estipendio do pecado é a morte. Pero a vida eterna é unha graza de Deus, por Xesucristo Noso Señor17.

Esteamos precavidos, entón, porque a nosa tendencia ao egoísmo non morre, e a tentación pódese insinuar de moitas maneiras. Deus esixe que, ao obedecer, poñamos en exercicio a fe, pois a súa vontade non se manifesta a todo bombo. Ás ve-ces o Señor suxire o seu querer como en voz baixa, alá no fondo da conciencia: e cómpre escoitar atentos, para distinguir esa voz e serlle fieis.

En moitas ocasións fálanos a través doutros homes, e pode ocorrer que á vista dos defectos desas persoas, o pensamento de se están ben informados, de se entenderon todos os datos do problema, preséntesenos como unha invitación a non obedecer.

Todo isto pode ter unha significación divina, porque Deus non nos impón unha obediencia cega, senón unha obediencia intelixente, e temos que sentir a responsabilidade de axudar os demais coas luces do noso entendemento. Mais sexamos sinceros con nós mesmos: examinemos, en cada caso, se é o amor á verdade o que nos move, ou o egoísmo e o apego ao propio xuízo. Cando as nosas ideas nos separan dos demais, cando nos levan a romper a comuñón, a unidade cos nosos irmáns, e sinal claro de que non estamos obrando segundo o espírito de Deus.

Non o esquezamos: para obedecer, repito, fai falta humildade. Miremos de novo o exemplo de Cristo. Xesús obedece, e obedece a Xosé e a María. Deus veu á terra para obedecer, e para obedecer ás criaturas. Son dúas criaturas perfectísimas: Santa María, a nosa Nai, máis ca Ela só Deus; e aquel varón castísimo, Xosé. Pero criaturas. E Xesús, que é Deus, obedecíalles. Debemos amar a Deus, para dese xeito amar a súa vontade e ter desexos de responder ás chamadas que nos dirixe a través das obrigas da nosa vida corrente: nos deberes de estado, na profesión, no traballo, na familia, no trato social, no propio sufrimento e no dos demais homes, na amizade, no afán de realizar o que é bo e xusto.

Notas
16

Lc II, 51.

17

Rom VI, 22-23

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma