170

Vivir no corazón de Xesús, unirse a el estreitamente é, polo tanto, converternos en morada de Deus. O que me ama será amado polo meu Pai38, anunciounos o Señor. E Cristo e o Pai, no Espírito Santo, veñen á alma e fan nela a súa mo rada39.

Cando —aínda que sexa só un pouco— comprendemos eses fundamentos, a nosa maneira de ser cambia. Temos fame de Deus, e facemos nosas as palabras do Salmo: meu Deus, búscote solícito, sedenta de ti está a miña alma, a miña carne deséxate, como terra árida, sen auga40. E Xesús, que fomentou as nosas ansias, sae ao noso encontro e dinos: se alguén ten sede, veña a min e beba41. Ofrécenos o seu Corazón, para que atopemos alí o noso descanso e a nosa fortaleza. Se aceptamos a súa chamada, comprobaremos que as súas palabras son verdadeiras: e aumentará a nosa fame e a nosa sede, ata desexar que Deus estableza no noso corazón o lugar do seu repouso, e que  non arrede de nós a súa calor e a súa luz.

Ignem veni mittere in terram, et quid volo nisi ut accendatur?, lume vin traer á terra, e que hei querer senón que arda?42. Xa nos asomamos un pouco ao lume do Amor de Deus; deixemos que o seu pulo mova as nosas vidas, sintamos a ilusión de levar o lume divino dun extremo a outro do mundo, de dárllelo a coñecer aos que nos arrodean: para que tamén eles coñezan a paz de Cristo e, con ela, atopen a felicidade. Un cristián que viva unido ao Corazón de Xesús non pode ter outras metas: a paz na sociedade, a paz na Igrexa, a paz na súa propia alma, a paz de Deus que se consumará cando veña a nós o seu reino.

María, Regina pacis, Raíña da paz. Porque tiveches fe e criches que se cumpriría o anuncio do Anxo, axúdanos a medrar na fe, a ser firmes na esperanza, a profundar no Amor. Porque iso é o que quere hoxe de nós o teu Fillo, ao mostrarnos o seu Sacratísimo Corazón.

Notas
38

Ioh XIV, 21.

39

Cfr. Ioh XIV, 23.

40

Cfr. Ps LXII, 2 (recollido en Laudes da festa de hoxe).

41

Ioh VII, 37.

42

Lc XII, 49 (recollida na antífona Ad Magnificat das I Vésperas).

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma