171
Assumpta est Maria in caelum, gaudent angeli1. María foi levada por Deus, en corpo e alma, aos ceos. Hai ledicia entre os anxos e entre os homes. Por que este gozo íntimo que advertimos hoxe, co corazón que parece querer saír do peito, coa alma enchida de paz? Porque celebramos a glorificación da nosa Nai e é natural que os seus fillos sintamos un especial xúbilo, ao ver como a honra a Trindade Beatísima.
Cristo, o seu Fillo santísimo, o noso irmán, déunola por Nai no Calvario, cando lle dixo a san Xoán: velaí a túa Nai2. E nós recibímola, co discípulo amado, naquel momento de inmenso desconsolo. Santa María acolleunos na dor, cando se cumpriu a vella profecía: e unha espada traspasará a túa alma3. Todos somos os seus fillos; Ela é Nai da humanidade enteira. E agora, a humanidade conmemora a súa inefable Asunción: María sobe aos ceos, filla de Deus Pai, nai de Deus Fillo, esposa de Deus Espírito Santo. Máis ca Ela, só Deus.
O misterio do amor
Misterio de amor é este. A razón humana non acada a comprender. Só a fe acerta a ilustrar como unha criatura humana foi elevada a dignidade tan grande, ata ser o centro amoroso no que converxen as compracencias da Trindade. Sabemos que é un divino segredo. Pero, tratándose da Nosa Nai, sentímonos inclinados a saber máis —se é posible falar así— que noutras verdades de fe.
Como nos comportariamos nós, se puidésemos escoller a nosa nai? Penso que elixiriamos á que temos, enchéndoa de todas as grazas. Iso fixo Cristo: sendo Omnipotente, Sapientísimo e o mesmo Amor4, o seu poder realizou todo o seu querer.
Mirade como os cristiáns descubriron, desde hai tempo, ese razoamento: conviña —escribe san Xoán Damasceno— que aquela que no parto conservara íntegra a súa virxindade, conservase sen corrupción ningunha o seu corpo despois da morte. Conviña que aquela que levara no seu seo ao Creador feito neno, habitase na morada divina. Conviña que a Esposa de Deus entrase na casa celestial. Conviña que aquela que vira ao seu Fillo na Cruz, recibindo así no seu corazón a dor da que estivera libre no parto, o contemplase sentado á destra do Pai. Conviña que a Nai de Deus posuíse o que corresponde ao seu Fillo, e que fose honrada como Nai e Escrava de Deus por todas as criaturas5.
Os teólogos formularon con frecuencia un argumento semellante, destinado a comprender dalgún xeito o sentido dese cúmulo de grazas de que se acha revestida María, e que culmina coa Asunción aos ceos. Din: conviña, Deus podía facelo, logo fíxoo6. É a explicación máis clara de porque o Señor lle concedeu á súa Nai, desde o primeiro intre da súa inmaculada concepción, todos os privilexios. Estivo libre do poder de Satanás; é fermosa —tota pulchra!—, limpa, pura en alma e corpo.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/171/ (14-12-2025)