172

O misterio do sacrificio silencioso

Pero, fixádevos: se Deus quixo loar a súa Nai, e igualmente certo que durante a súa vida terrea non lle foron aforrados a María a experiencia da dor, nin o cansazo do traballo, nin o claroscuro da fe. Aquela muller do pobo, que un día prorrompeu en loanzas a Xesús exclamando: benaventurados o ventre que te levou e os peitos que te alimentaron, o Señor responde: benaventurados máis ben os que escoitan a palabra de Deus e a poñen en práctica7. Era o eloxio da súa Nai, do seu fiat8, do fágase sincero, entregado, cumprido ata as derradeiras consecuencias, que non se manifestou en accións aparatosas, senón no sacrificio escondido e silencioso de cada xornada.

Ao meditar estas verdades, entendemos un pouco máis a lóxica de Deus; decatámonos de que o valor sobrenatural da nosa vida non depende de que sexan realidade as grandes fazañas que por veces forxamos coa nosa imaxinación, senón da aceptación fiel da vontade divina, da disposición xenerosa no miúdo sacrificio cotián.

Para ser divinos, para endeusarnos, temos que comezar sendo moi humanos, vivindo cara a Deus a nosa condición de homes correntes, santificando esa aparente pequenez. Así viviu María. A chea de graza, a que é obxecto das compracencias de Deus, a que está por riba dos anxos e dos santos levou unha existencia normal. María é unha criatura coma nós, cun corazón coma o noso, capaz de gozos e de ledicias, de sufrimentos e de bagoas. Antes de que Gabriel lle comunicase o querer de Deus, a Nosa Señora ignoraba que fora escollida desde toda a eternidade para ser a Nai do Mesías. Considérase a si mesma chea de baixeza9: por iso recoñece logo, con profunda humildade, que nela fixo cousas grandes o que é Todopoderoso10.

A pureza, a humildade e a xenerosidade de María contrastan coa nosa miseria, co noso egoísmo. É razoable que, despois de advertir isto, nos sintamos movidos a imitala, somos criaturas de Deus, coma Ela, e abonda con que nos esforcemos por ser fieis, para que tamén en nós o Señor obre cousas grandes. Non será obstáculo a nosa pouquidade: porque Deus escolle o que vale pouco, para que dese xeito brille mellor a potencia do seu amor11.

Notas
7

Lc XI, 27-28.

8

Lc I, 38.

9

Cfr. Lc I, 48.

10

Lc I, 49.

11

Cfr. 1 Cor I, 27-29.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma