173
Imitar a María
Nosa Nai é modelo de correspondencia á graza e, ao contemplar a súa vida, o Señor daranos luz para que saibamos divinizar a nosa existencia ordinaria. Ao longo do ano, cando celebramos as festas marianas, e en bastantes momentos da xornada cotiá, os cristiáns pensamos moitas veces na Virxe. Se aproveitamos eses intres, imaxinando como se conduciría a Nosa Señora nas tarefas que nós imos realizar, pouco a pouco iremos aprendendo: e remataremos asemellándonos a Ela, como os fillos se asemellan á súa nai.
Imitar, en primeiro lugar o seu amor. A caridade non queda en sentimentos: ten que estar nas palabras, pero sobre todo nas obras. A Virxe non só dixo fiat, senón que cumpriu en todo momento esa decisión firme e irrevogable. Así nós: cando nos aguilloe o amor de Deus e coñezamos o que El quere, debemos comprometernos a ser fieis, leais, e selo efectivamente. Porque non todo aquel que di Señor, Señor, entrará no reino dos ceos, senón aquel que fai a vontade do meu Pai celestial 12.
Habemos de imitar a súa natural e sobrenatural elegancia. Ela é unha criatura privilexiada da historia da salvación: en María, o Verbo fíxose carne e habitou entre nós13. Foi testemuña delicada, que pasa oculta; non lle gustou recibir loanzas, porque non ambicionou a súa propia gloria. María asiste aos misterios da infancia do seu Fillo, misterios, se cabe falar así, normais: á hora dos grandes milagres e das aclamacións das masas, desaparece. En Xerusalén, cando Cristo —cabalgando nun burriño— é aclamado como Rei, non está María. Pola contra rea-parece xunto á Cruz, cando todos foxen. Este xeito de comportarse ten o sabor, non buscado, da grandeza, da profundidade, da santidade da súa alma.
Tratemos de aprender, seguindo o seu exemplo na obediencia a Deus, nesa delicada combinación de escravitude e señorío. En María non hai nada daquela actitude das virxes necias, que obedecen, pero aloucadamente. Nosa Señora oe con atención o que Deus quere, pondera o que non entende, pregunta o que non sabe. Logo, entrégase toda ao cumprimento da vontade divina: velaquí a escrava do Señor, fágase en min segundo atúa palabra14. Vedes que marabilla? Santa María, mestra de toda a nosa conduta, apréndenos agora que a obediencia a Deus non é servilismo, non couta a conciencia: móvenos intimamente a que descubramos a liberdade dos fillos de Deus15.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/173/ (14-12-2025)