174

A escola da oración

O Señor teravos concedido descubrir tantos outros trazos da correspondencia fiel da Santísima Virxe, que por si mesmos se nos presentan invitándonos a tomalos como modelo: a súa pureza, a súa humildade, a súa fortaleza, a súa xene-rosidade, a súa fidelidade... Eu quixera falar dun que os envolve todos, porque é o clima do progreso espiritual: a vida de oración.

Para aproveitar a graza que a Nosa Nai nos trae no día de hoxe, e para secundar en calquera momento as mocións do Espírito Santo, pastor das nosas almas, debemos estar comprometidos seriamente nunha actividade de trato con Deus. Non podemos agocharnos no anonimato; a vida interior, se non é un encontro persoal con Deus, non existirá. A superficialidade non é cristiá. Admitir a rutina, na nosa conduta ascética, equivale a asinar a partida de defunción da alma contemplativa. Deus búscanos un a un; e temos que lle responder un a un: aquí estou, Señor, porque me chamaches16.

Oración, sabémolo todos, é falar con Deus; mais quizais alguén pregunte: falar, de que? De que vai ser, senón das cousas de Deus e das que enchen a nosa xornada? Do nacemento de Xesús, do seu camiñar neste mundo, do seu xeito de agocharse e da súa predicación, dos seus milagres, da súa Paixón Redentora e da súa Cruz e da súa Resurrección. E na presenza de Deus Trino e Un, poñendo por Medianeira a Santa María e por avogado a san Xosé o Noso Pai e Señor —a quen tanto amo e venero—, falaremos do noso labor de todos os días, da familia, das relacións de amizade, dos grandes proxectos e das pequenas mesquindades.

O tema da miña oración é o tema da miña vida. Eu fágoo así. E á vista desta situación miña, xorde natural o propósito, determinado e firme, de cambiar, de mellorar, de ser máis dócil ao amor de Deus. Un propósito sincero, concreto. E non pode faltar a petición urxente, pero confiada, de que o Espírito Santo non nos abandone, porque Ti es, Señor, a miña fortaleza17.

Somos cristiáns correntes, traballamos en profesións moi diversas; a nosa actividade enteira transcorre por carrís ordinarios; todo desenvólvese cun ritmo previsible. Os días parecen iguais, incluso monótonos... Pois, ben: ese plan, aparentemente tan común, ten un valor divino; é algo que lle interesa a Deus, porque Cristo quere encarnarse no noso quefacer, animar desde dentro ata as accións máis humildes.

Este pensamento é una realidade sobrenatural, neta, inequívoca; non é unha consideración para consolo, que conforte os que non daremos inscrito os nosos nomes no libro de ouro da historia. A Cristo interésalle ese traballo que debemos realizar —unha e mil veces— na oficina, na fábrica, no obradoiro, na escola, nas leiras, no exercicio da profesión manual ou intelectual: interésalle tamén o escondido sacrificio que supón non verter nos outros, o fel do propio mal humor.

Repasade na oración estes argumentos, tomade ocasión precisamente de aí para dicirlle a Xesús que o adorades, e estaredes sendo contemplativos no medio do mundo, no ruído da rúa: en todas partes. Esa é a primeira lección na escola do trato con Xesucristo. Desa escola, María é a mellor mestra, porque a Virxe mantivo sempre esa actitude de fe, de visión sobrenatural, ante todo o que sucedía ao seu redor: gardaba todas esas cousas ponderándoas no seu corazón18.

Supliquemos hoxe a Santa María que nos faga contemplativos, que nos aprenda a comprender as chamadas continuas que o Señor dirixe á porta do noso corazón. Preguémoslle: nosa Nai, ti que trouxeches á terra a Xesús, que nos revela o amor do noso Pai Deus; axúdanos a recoñecelo no medio dos afáns de cada día; remove a nosa intelixencia e a nosa vontade, para que saibamos escoitar a voz de Deus, o pulo da graza.

Notas
16

1 Reg III, 5.

17

Ps XLII, 2.

18

Lc II, 51.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma