175
Mestra de apóstolos
Pero non pensedes só en vós mesmos: agrandade o corazón ata abranguer a humanidade enteira. Pensade, antes que nada, nos que vos arrodean —parentes, amigos, colegas— e vede como podedes levalos a sentir máis fondamente a amizade co Noso Señor. Cando se trata de persoas rectas e honradas, capaces de estaren habitualmente máis preto de Deus, encomendádeas concretamente á Nosa Señora. E pedide tamén por tantas almas que non coñecedes, porque todos os homes estamos embarcados na mesma barca.
Sede leais, xenerosos. Formamos parte dun só corpo, do corpo Místico de Cristo, da Igrexa santa, á que están chamados moitos que buscan limpamente a verdade. Por iso temos obrigación estrita de manifestar aos demais a calidade, a fondura do amor de Cristo. O cristián non pode ser egoísta; se o fose, traizoaría a súa propia vocación. Non é de Cristo a actitude dos que se contentan con gardar a súa alma en paz —falsa paz é esa—, despreocupándose do ben dos outros. Se aceptamos a auténtica significación da vida humana —e revelóusenos pola fe—, non cabe que continuemos tranquilos, persuadidos de que nos portamos persoalmente ben, se non facemos de forma práctica e concreta que os demais se acheguen a Deus.
Hai un atranco real para o apostolado: o falso respecto, o temor a tocar temas espirituais, porque se sospeita que unha conversa dese xeito non vai caer ben en determinados ambientes, porque existe o risco de ferir susceptibilidades. Cantas veces ese razoamento é a máscara do egoísmo! Non se trata de ferir a ninguén, senón pola contra: de servir. Aínda que sexamos persoalmente indignos, a graza de Deus convértenos en instrumentos para ser útiles aos demais, comunicándolles a boa nova de que Deus quere que todos os homes se salven e cheguen ao coñecemento da verdade19.
E será lícito meterse dese modo na vida dos demais? É ne-cesario. Cristo meteuse na nosa vida sen nos pedir permiso. Así actuou tamén cos primeiros discípulos: pasando pola ribeira do mar de Galilea viu a Simón e ao seu irmán Andrés, largando as redes ao mar, pois eran pescadores. E díxolles Xesús: seguídeme, e farei que veñades ser pescadores de homes20. Cada quen conserva a liberdade, a falsa liberdade, de responder que non a Deus, como aquel mozo cheo de riquezas21, do que nos fala san Lucas. Pero o Señor e nós —obedecéndolle: ide e ensinade22— temos o dereito e o deber de falar de Deus, deste grande tema humano, porque o desexo de Deus é o máis profundo que agroma no corazón do home.
Santa María, Regina apostolorum, raíña de todos os que suspiran por dar a coñecer o amor do teu Fillo: ti que tanto entendes das nosas miserias, pide perdón pola nosa vida: polo que en nós podería ter sido lume e foi cinzas; pola luz que deixou de alumar, polo sal que se trocou insípido. Nai de Deus, omnipotencia suplicante: tráenos, co perdón, a forza para vivir verdadeiramente de esperanza e de amor, para poder levar aos demais a fe de Cristo.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/175/ (14-12-2025)